Santiago, 28 de novembro de 2017.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana avanzar na humanización na prestación dos servizos sanitarios e a conservación e difusión da toponimia tradicional galega. Respecto da constitución esta tarde da Comisión de estudo sobre política forestal e incendios, o portavoz popular Pedro Puy indicou que “nós imos con ánimo construtivo” e confiou que “alomenos no fundamental nos poñamos de acordo para mellorar a normativa e loitar contra os incendios”.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Puy informou que na sesión plenaria debaterase a aprobación de dos novos textos lexislativos: a Lei de portos de Galicia e a proposición de Lei de medidas de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica. Así mesmo, está prevista a comparecencia do conselleiro de Educación para informar do inicio do curso escolar no ensino non universitario.
DÚAS PROPOSICIÓNS NON DE LEI
O Grupo Popular defenderá neste Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira ten como obxectivo avanzar na transformación dos servizos sanitarios promovendo a súa humanización, tanto a través da capacitación científico-técnica dos profesionais como da aproximación humana ao paciente, digno de respecto e consideración.
En segundo lugar, o Grupo Popular demanda á Xunta afondar na conservación e difusión da toponimia oficial galega, nomeadamente a través dos traballos de xeorreferenciación do nomenclátor e a microtoponimia.
No apartado de preguntas ao Goberno, os deputados do Grupo Popular cuestionarán sobre a valoración da Xunta da situación de seca na demarcación Galicia-Costa e as medidas que se teñen tomado en coordinación cos concellos; sobre as mellores que ten experimentado o Hospital do Salnés desde a entrada en funcionamento do sistema de estruturas de xestión integrada; e sobre o programa Reconduce de prevención e abordaxe das situacións das persoas e familias en risco grave de desafiuzamento.
VER OS PROBLEMAS DA POLÍTICA FORESTAL
Pedro Puy referiuse, a continuación, á constitución esta tarde da Comisión especial de estudo de reformas da política forestal e de prevención e extinción de incendios, destacando “a súa rápida posta en marcha, unha vez se aprobou no Pleno celebrado a pasada semana”.
A modo de avance, o portavoz popular dixo que está previsto a celebración dunha nova reunión desta comisión o vindeiro 13 de decembro para a aprobación das normas de funcionamento e outra o día 27 de decembro para aprobar o plan de traballo que fixe a documentación, informes e comparecentes que se soliciten.
Puy reiterou que o Grupo Popular “imos con ánimo construtivo” e apuntou que “non se trata tanto de facer unha análise cara atrás senón de ver onde están os problemas que impiden rendibilizar o monte e que algunhas das normas que están en vigor non se aplican coa intensidade necesaria para mellorar a loita contra os incendios”.
Neste sentido, indicou que, á vista das emendas presentadas ao proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos para 2018, “existen medidas semellantes” por parte dos grupos parlamentarios, polo que avogou porque “alomenos no fundamental nos poñamos de acordo para darlle continuidade ás políticas e que se poidan poñer en práctica”.