Santiago, 13 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a incluír a construción modular de vivendas dentro do seu programa de vivenda de promoción pública. Así mesmo, pedirá ao Goberno galego que presente neste primeiro cuadrimestre de 2018 o balance de execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e elabore o IV plan para os anos 2018-2021.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria incorpora o debate da Conta Xeral da Comunidade galega correspondente a 2015 elaborada polo Consello de Contas e a comparecencia do conselleiro de Política Social para falar das medidas implantadas pola Xunta de Galicia de protección á infancia en Galicia.
No apartado de proposicións non de lei, Puy indicou que debaterase a proposición non de lei, asinada polos catro grupos parlamentarios, a través da que se solicita ao Goberno central a ampliación do listado de enfermidades contempladas no Real Decreto para aplicación da prestación económica de coidado de menores afectados por cáncer ou outra enfermidade grave.
“Esta proposición non de lei xorde logo da reunión celebrada con representantes da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, e o seu obxectivo é que se inclúan aquelas enfermidades minoritarias consideradas graves, así como os casos graves que estean no proceso de busca de diagnóstico dunha enfermidade rara”, explicou Pedro Puy.
VIVENDA E COOPERACIÓN
Por parte do Grupo Popular, defenderase unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta a inclusión da construción modular de vivendas dentro do seu programa de vivenda de promoción pública, co obxectivo de avanzar na industrialización de procesos de construción de vivendas e reducir prazos no proceso de construción de novas vivendas para os sectores máis desfavorecidos da poboación.
Así mesmo, o Grupo Popular pedirá nunha segunda proposición non de lei que o Goberno galego presente no primeiro cuadrimestre deste ano un balance da execución do III Plan director da cooperación galega 2014-2017, ao tempo que elabore o IV Plan director para os anos 2018-2021.
O portavoz popular sinalou que “se trata dun compromiso asumido polo PPdeG durante a campaña electoral coas ONG, co obxectivo de incluír como novas orientacións estratéxicas a acción humanitaria de calidade, mellorando a coordinación dos múltiples actores e a coherencia, eficiencia e rendición de contas das respostas humanitarias”.
No apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre o desenvolvemento do programa de Bono Alugueiro Social desde a súa posta en marcha hai dous anos, e sobre o contido do último informe da Comisión de control e seguimento do Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio.
“En definitiva, o Pleno da vindeira semana inclúe 30 cuestións, das que 23 corresponden aos grupos da oposición, que, unha vez máis, dispoñen de plena capacidade para facer o seu labor de impulso e control ao Goberno galego”, resumiu Pedro Puy.