Santiago, 5 de febreiro de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través das que o Parlamento galego manifeste o seu rexeitamento ao proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para 2019 e declare a súa solidariedade e apoio ao pobo de Venezuela, demandando medidas urxentes ante a situación de emerxencia humanitaria que vive ese país e amosando o apoio á Asamblea Nacional lexítima e democraticamente elixida e a Juan Guaidó como Presidente recoñecido.
Ao remate da reunión da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy informou que a sesión plenaria incorpora a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, para informar da situación actual do calendario e das perspectivas do Plan de Transporte Público de Galicia; e do conselleiro do Medio Rural, para dar conta das liñas de actuación do seu departamento.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá ao Parlamento un rexeitamento do proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2019, por ser irreais e discriminatorios con Galicia. Neste sentido, Puy criticou que “estamos vendo estes días como se intenta defender que nun orzamento no que crecen os investimentos en xeral é bo unha baixada do 9 ao 6 por cento en Galicia”, unhas contas públicas que “organismos institucionais nacionais e internacionais os están a cuestionar e que abren unha gran incerteza sobre a recuperación económica”.
APERTURA DEMOCRÁTICA
A segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo que o Parlamento amose “a solidariedade co pobo venezolano, e especialmente cos galegos residentes neste país”. En concreto, pídese o apoio “a un proceso de apertura democrática que permita a este país saír da enorme crise económica que se ten convertido nunha crise inflacionaria e nunha fonde crise política, da que ten que saír da man da democratización real verificada e de acordo coa vontade do pobo venezolano”, manifestou Pedro Puy.
Así mesmo, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego sobre o investimento previsto na adquisición de inmobles nos núcleos históricos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense no marco do programa Rexurbe para a súa posterior rehabilitación, así como sobre a avaliación da viaxe que o Presidente da Xunta realizará nos vindeiros días a Miami e Nova Iorque para reforzar as relacións económicas e comerciais.
MANTER A CAPACIDADE REDISTRIBUTIVA DO ESTADO
Respecto do traspaso de novas competencias a Galicia, Puy explicou que “o Estado Autonómico, tal e como está recollido no Estatuto e na Constitución, está basicamente desenvolvido”. Deste xeito, apuntou que “o que nos interesa neste momento, con independencia de que haxa marxe dalgunha transferencia, é consolidar o Estado Autonómico e, en segundo lugar, todo o que fagamos vai seguir marcado por un dobre eixo: respecto á Constitución e o Estatuto, e, no caso de producirse un traspaso de competencias a Galicia, que os galegos saquen proveito, o que non se produce coa pretendida tarifa eléctrica galega ou o cupo para Galicia que defende o BNG, que nos custarían 300 millóns de euros e 1.000 millóns de euros cada ano, respectivamente”.
O portavoz popular indicou que “o Estado debe manter a súa capacidade redistributiva, e estamos a ver a importancia de que nos orzamentos se teña capacidade redistributiva, razón pola que estamos a demandar que se rexeiten os orzamentos do Estado porque prexudican notablemente a Galicia”. “Desde o PPdeG mantemos unha absoluta coherencia e non intentamos confundir nin enganar a ninguén, porque levamos moitos anos defendendo o interese de Galicia e aí estaremos sempre, ben demandando transferencias ou argumentando por que algunhas transferencias non son necesarias”, salientou.