Santiago, 29 de marzo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lamentou hoxe que o novo reparto de fondos do Goberno de España para autónomos e empresas “volva ser negativo e prexudicial para Galicia”, xa que percibirá 234 millóns de euros, menos dun 4 por cento dos 7.000 millóns de euros.
Diante desta situación, o Grupo Popular demandará que o Goberno central a máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta para a transferencia destes fondos, de xeito que se axilice a súa distribución; así como a modificación dos criterios de reparto, para que Galicia reciba un mínimo de 340 millóns de euros.
?️O reparto de axudas do Goberno central para autónomos e empresas representan un novo ataque e discriminación a Galicia, o @ppdegalicia presenta unha iniciativa para modificar os criterios de reparto e non penalicen a nosa CCAA e axilizar a súa distribución pic.twitter.com/vbMGSZ6kPr
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 29, 2021
Pedro Puy sinalou que “descoñecemos os criterios que aplicou o Goberno de Pedro Sánchez para facer este reparto, que non coinciden cos establecidos pola Unión Europea para o reparto dos fondos, no que se di que sempre se debe ter en conta a capacidade de recuperación en base a situación previa á pandemia, é dicir, cunha compoñente redistributiva para as comunidades que teñan unha renda per cápita inferior”.
GALICIA, A QUE MENOS AXUDAS POR HABITANTE
Deste xeito, manifestou que “se en realidade se tivera en conta o número de autónomos existentes, a Galicia corresponderíanlle un 7 por cento dos fondos, é dicir, 110 millóns de euros máis”. Así mesmo, indicou que Galicia é a comunidade que menos axudas recibirá por habitante, practicamente a metade que a media.
“Os criterios son decepcionantes para Galicia, co agravante dunha falta total de diálogo do Goberno central coas comunidades autónomas, que teñen solicitado en máis dunha ocasión a convocatoria dunha reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira para debater o reparto destes fondos de axuda”, sinalou.
O portavoz popular apuntou, ademais, que este reparto “ademais de ser dunha complexa xestión, ten eivas, como o límite que se pon aos autónomos por módulos, que non poden percibir máis de 3.000 euros con independencia de se teñen ou non empregados ao seu cargo”.
AMPLIAR AS ACTIVIDADES ECONÓMICAS BENEFICIADAS
Diante desta situación, Puy informou que o Grupo Popular rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se pide ao Goberno central a máxima urxencia na tramitación e sinatura do convenio coa Xunta para a transferencia destes fondos, de xeito que se axilice a súa distribución.
Así mesmo, pídese que a modificación dos criterios de reparto destas axudas, para que non penalice a Galicia unha vez máis, achegando, conforme ao sistema de financiamento autonómico e á porcentaxe de persoas traballadoras autónomas existentes na Comunidade galega, un mínimo de 340 millóns de euros.
A proposición no de lei tamén solicita que se amplíen as actividades económicas que poden acceder a estes fondos e que tamén están a padecer os efectos da pandemia sanitaria, como o sector pesqueiro; a elaboración de viños e cervexas; a fabricación de estruturas e pezas de madeira e mobles; o sector contract; os concesionarios e os talleres de vehículos; as estacións de servizo; os salón de peiteado e estética; as librarías; as florerías; as ortopedias; as ópticas; as xugueiras; as tendas de souveniers ou de segunda man; os establecementos de artigos deportivos; os centros de ensino; as autoescolas: ou os servizos de catering, entre outras.
“O obxectivo é ter recursos que nos permitan achegar axudas aos autónomos en igualdade de condicións que as demais comunidades autónomas, e tamén para incluír a todos os sectores da economía que se viron prexudicados polas restricións da pandemia”, concretou.
?️O @ppdegalicia tamén solicita a ampliación das actividades económicas que teñen acceso aos fondos para autónomos e empresas, tales como sector pesqueiro, viños, madeira, talleres, salóns de peiteado, librarías, autoescolas,ópticas ou servizos de catering, entre outros pic.twitter.com/BU1tP37za9
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 29, 2021
INCORPORACIÓN DE MEDIDAS DA OPOSICIÓN
Por outra parte, e cuestionado sobre a reunión que tivo o Presidente da Xunta cos responsables dos grupos da oposición, Pedro Puy confiou que “servise para que haxa unha capacidade por parte da oposición de apoiar as decisións que se están a adoptar nestes momentos difíciles”.
Neste sentido, salientou que o Grupo Popular “está a exercer as súas funcións no Parlamento dun xeito xeneroso, a través de diálogo e da incorporación de medidas que a oposición propón”. En concreto, lembrou que no último Pleno acadáronse cinco acordos entre os grupos parlamentarios, dos que tres proviñan da oposición; e no que levamos de lexislatura aprobáronse no Pleno 48 proposicións non de lei, das que 20 eran da oposición.
?️Confiamos que a reunión de @FeijooGalicia cos responsables da oposición servise para que teñan a capacidade de apoiar decisións que se toman en momentos difíciles,como a que ten o @ppdegalicia no @Par_Gal que a través do diálogo incorpora medidas que a oposición propón, Puy ? pic.twitter.com/KEqwvBEfKk
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) March 29, 2021
“Hai unha actitude por parte do Grupo Popular de aceptar iniciativas que contribúan a mellorar a situación e imos seguir nesta liña, e o exemplo é o Presidente falando coa oposición que esperamos se traduza en acordos en relación cos temas que están pendentes”, dixo.