Santiago, 1 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se recorda ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a nula ou insuficiente conectividade en moitos núcleos de poboación galegos, polo que se solicita priorizar o despregamento de banda larga nas zonas brancas e dotar de cobertura ás zonas que non dispoñen nin tan sequera de servizos básicos de telefonía móbil.
Noelia Pérez lembra que “o acceso a internet máis rápida e de mellor calidade ten unha importancia crecente na nosa sociedade, non só para a competitividade empresarial, a innovación e a cohesión territorial, senón tamén pola súa contribución á inclusión social e, en definitiva, para mellorar a calidade de vida dos veciños, evitar o despoboamento e mellorar o desenvolvemento dos concellos”.
IMPORTANCIA DURANTE A PANDEMIA
“A importancia da necesidade de cobertura púxose de manifesto nos últimos meses debido á situación motivada pola pandemia da Covid-19, que
evidenciou a importancia desta ferramenta para o teletraballo de milleiros de persoas, na educación, no acceso aos servizos públicos e, incluso, como único medio de comunicación coas familias e amigos, entre outros”, sinalou.
O Goberno de España estableceu como obxectivo na axenda dixital España Digital 2025 garantir unha conectividade dixital adecuada para o 100 por cento da poboación, promovendo a desaparición da fenda dixital entre as zonas rurais e as urbanas, e establecendo como meta para o ano 2025 o 100% da poboación con cobertura 100 Mbps.
Así mesmo, a Xunta, co obxectivo de configurar un futuro dixital para a cidadanía galega e contribuír ao desenvolvemento económico, social e medioambiental do territorio, fixou como folla de ruta a Estratexia Galicia Dixital 2030, asegurando así a integración e perfecta coordinación co establecido pola Unión Europea e a España Digital 2025.
SERVIZOS DE INTERESE PÚBLICO
“Porén, a día de hoxe aínda existen numerosos núcleos de poboación espallados por toda Galicia que carecen de conexión a banda larga e conectividade dixital, a pesar de que as telecomunicacións están consideradas como servizos de interese público e os cidadáns teñen dereito ao acceso en condicións adecuadas independentemente da dispersión poboacional ou da orografía”, sinalou a deputada popular.
Noelia Pérez considerou necesario que o Goberno central, “que é quen ostenta a competencia exclusiva en materia de telecomunicacións e quen recibe os fondos europeos para os despregamentos, teña en conta as achegas dos concellos e da Xunta, como administracións máis próximas á realidade e que mellor coñecen as necesidades dos seus territorios, para asegurar unha correcta provisión das necesidades de comunicacións, eliminando a fenda dixital e as barreiras e desigualdades que xorden entre a poboación galega dependendo do seu lugar de residencia”.