Santiago, 13 de outubro de 2020.- O Pleno do Parlamento da vindeira semana debaterá sendas propostas do Grupo Popular e do BNG para a constitución nesta lexislatura dunha Comisión de Investigación sobre a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, co obxectivo de rematar os traballos realizados na IX e X lexislaturas.
Así mesmo, os deputados do Grupo Popular defenderán dúas proposicións non de lei demandando ao Goberno central cambios normativos en materia de saúde pública para poder actuar ante a Covid-19 e o restablecemento dos servizos de tren que foron suprimidos amparándose na pandemia sanitaria.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular Pedro Puy avogou por “un acordo xeral entre as dúas propostas presentadas para a posta en marcha dunha única comisión de investigación que retome os traballos das pasadas lexislaturas”, co obxectivo de culminar definitivamente os traballos.
DAR CONTA E INFORMAR
Puy explicou que o obxectivo principal desta comisión é “dar conta, informar e achegar un resumo dos distintos feitos que levaron a esa fonda transformación do sistema financeiro, que basicamente conlevou un proceso de concentración importantísimo na banca privada e a desaparición das caixas de aforro, tal e como as coñecíamos”. Así, apuntou que se trata de que “a cidadanía coñeza cal foi a opinión dos distintos actores en cada momento do proceso que desembocou nesa circunstancia final”.
Neste sentido, considerou, logo das reaccións que houbo recentemente sobre o auto da Audiencia Nacional, “é bo que recuperemos o percorrido temporal deste proceso, xa que hai xente que se esquece do que pasaba nun momento e o que foi ocorrendo despois”.
Ademais do debate destas propostas para a creación da Comisión de Investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos, co obxecto de rematar os traballos realizados nas dúas últimas lexislaturas, o Pleno acollerá as comparecencias dos conselleiros de Facenda e Administración Pública, e de Política Social, por petición propia, para informar das previsións e liñas xerais de actuación dos seus departamentos.
CAMBIOS NORMATIVOS EN SANIDADE
No apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará ao Goberno de España que acometa canto antes os cambios normativos necesarios na lexislación orgánica en materia de saúde pública para poder actuar ante a pandemia da Covid-19 con plenas garantías e seguridade xurídica.
“Trátase dunha cuestión demandada desde hai tempo polo Presidente da Xunta, mesmo cando estábamos confinados, nas conferencias de presidentes celebradas por vía telemática”, lembrou Pedro Puy. Así mesmo, lembrou o compromiso asumido polo Goberno central, unha vez levantado o Estado de Alarma, de analizar unha reforma da lexislación para dar maior garantía xurídica ás autoridades sanitarias autonómicas. Máis recentemente, á vista de que nin desde o Goberno central nin no Congreso se ten avanzado nesta modificación, a Xunta ten remitido unha proposta para levar adiante este cambio na Lei de saúde pública e mellorar a seguridade xurídica na loita contra as pandemias.
REPOSICIÓN SERVIZOS FERROVIARIOS
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo o restablecemento por parte do Goberno central de todos os servizos de tren que suprimiu amparándose na pandemia sanitaria, tanto no que ten que ver coas conexións interiores na Comunidade galega como coas conexións de Galicia con outras comunidades autónomas. Así mesmo, pídese que se incremente o cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.
“Non queremos que esta situación de redución de liñas de transporte e de deterioro na prestación de servizos ferroviarios durante a pandemia sanitaria se consolide e sirva como escusa para non recuperar e mellorar o transporte por tren dos cidadáns de Galicia”, manifestou o portavoz popular.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego na vindeira sesión plenaria sobre a ruptura das negociacións para a venta das plantas de Alcoa na Mariña lucense; o resultado das medidas de prevención da Covid-19 implantadas a través da creación do rexistro de viaxeiros; e as medidas adoptadas pola Xunta para axudar aos traballadores afectados por un ERTE