Santiago, 5 de outubro de 2020.- O Grupo Popular demandará no Pleno do Parlamento desta semana que o Goberno central reduza o IVE que se aplica ás máscaras ou hidroxeles hixienizantes, ben ao tipo reducido do 10 por cento ou superreducido do 4 por cento. Así mesmo, solicitará ao Goberno central e á Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que se teñen adoptado a favor desta especie.
O portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo co debate da proposta de reforma do artigo 84 do regulamento do Parlamento de Galicia, polo procedemento de lectura única e co acordo dos tres grupos parlamentarios para que a Mesa do Parlamento poida habilitar excepcionalmente e por tempo determinado a presenza, o voto delegado, sistemas de videoconferencia ou calquera outro sistema técnico viable e adecuado que garanta a asistencia e participación nas sesións e nos debates e o exercicio do dereito de voto por quen non puider asistir ás sesións de forma xustificada por atoparse Galicia nunha situación de afectación grave da saúde da poboación declarada polas autoridades sanitarias públicas competentes.
Na actualidade, o regulamento prevé o voto delegado e telemático dos deputados e deputadas para os supostos de embarazo, maternidade ou paternidade, “pero faise necesario regular e dar solución a situacións excepcionais que impidan o funcionamento do réxime presencial das sesións dos órganos parlamentarios, engadindo a situación de risco na saúde como causa que permita delegar o voto ou exercelo telematicamente”, sinalou.
COMPARECENCIAS
A continuación, terá lugar a comparecencia da Valedora do Pobo, para dar conta do seu informe anual correspondente a 2019; e dos conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, para informar do comezo do curso 2020-21 no ensino e na universidade, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para explicar as liñas estratéxicas da Xunta en materia de vivenda.
Pedro Puy salientou que o Grupo Popular demandará no Pleno a rebaixa do IVE para as máscaras e os hidroxeles hixienizantes, ben ao tipo do 10 por cento ou ao 4 por cento. Neste sentido, lembrou que “todas as recomendacións que se están a facer por parte das autoridades sanitarias insisten sobre a importancia que ten a prevención da Covid-19, que implica tanto o uso das mascarillas como a hixiene das mans”, o que supón “problemas de custo para moitas familias, polo que consideramos de sentido común a rebaixa do IVE destes produtos para favorecer que todo o mundo cumpra as normas”.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular que se debaterá na sesión plenaria desta semana demanda ao Goberno central e á Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que se teñen adoptado a favor desta especie.
Puy explicou que a inclusión por parte da Comisión Europea do marraxo como unha especie ameazada supón un duro golpe para o sector e está a provocar que os buques que operan no Atlántico Norte se teñan quedado sen cota desta especie por primeira vez na súa historia. En concreto, sinalou que arredor de 160 buques palangreiros desembarcan arredor de 3.000 toneladas cada ano, por valor duns dez millóns de euros, polo que “é necesario que o Goberno de España se implique para que esta frota poida continuar pescando esta especie”.
COMISIÓN REACTIVACIÓN E ORZAMENTOS
Para rematar, o portavoz popular sinalou que o vindeiro xoves, 8 de outubro, está prevista a constitución da Comisión de Estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19, “que coincide coa incerteza que temos para a entrada no Parlamento galego dos orzamentos da Xunta para 2021”.
Neste sentido, e despois de recordar que a Comunidade galega “leva aprobados corenta orzamentos nos seus corenta anos de historia, sinalou que “é difícil comezar a elaborar unhas contas se non se ten información sobre os obxectivos de endebedamento, déficit ou o nivel de ingresos”. “A Xunta leva tempo pedindo a convocatoria dunha reunión do Consello Xeral de Política Fiscal e Financeira, que finalmente se celebra hoxe, para que o Estado avance as liñas sobre as que as comunidades poidan traballar nos seus orzamentos”, indicou.
?Galicia é das poucas autonomías que aprobou 40 orzamentos nos seus 40 anos de historia,existe unha vontade explícita da necesidade de aprobalo pero a incertidume fai moi difícil preparalos cunha mínima información, di Pedro Puy @ppdegalicia pic.twitter.com/swY1dPTtVM
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 5, 2020