O Partido Popular de Galicia fala abertamente de “veto” por parte de Pedro Sánchez ao Xacobeo 2027 ante as “negativas” e as “evasivas” do Goberno central no que se refire á declaración do próximo Ano Santo como acontecemento de excepcional interese público.
Así o denuncia a senadora pola provincia de Pontevedra e portavoz de Xustiza do Grupo Popular na Cámara Alta, Pepa Pardo, ao tempo que insiste no “fundamental” desta declaración “para os intereses de Galicia” e censura a actitude amosada neste sentido polo Executivo central. “Non podemos entender as súas negativas e evasivas máis que como un novo desprezo a Galicia”, sostén.
Recorda que o Ministerio de Cultura adquiriu no seu día o compromiso de promover a declaración do Xacobeo 2027 como acontecemento de excepcional interese público e incorporar as exencións fiscais vinculadas a esta figura nos Presupostos Xerais do Estado. Un compromiso que viu motivado logo da aprobación unánime en maio de 2024 dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que, a iniciativa do Grupo Popular, se solicitaba esta declaración.
De feito, esta semana o Parlamento de Galicia aprobou tamén por unanimidade unha iniciativa do PPdeG no mesmo sentido.
“A realidade é que o Ministerio de Cultura non só non cumpriu o seu propio compromiso, senón que tampouco atendeu ás demandas do Parlamento galego”, alega Pepa Pardo ao tempo que recorda que os populares tamén levaron esta reclamación ao Congreso dos Deputados a través dunha proposición de lei cuxa tramitación foi vetada pola Mesa desta Cámara (dominada polo PSOE e Sumar).
De aí que, ante a consideración de que “é fundamental garantir as exencións fiscais ás empresas patrocinadoras do Xacobeo 2027”, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, por tratarse dunha ferramenta “esencial e eficaz para dotar a tan importante acontecemento de maior capacidade económica”, os populares galegos trasladen agora esta cuestión ao Senado a través dunha moción que defenderá a próxima semana o senador José Manuel Barreiro e coa que agardan que, por fin, o próximo Ano Santo sexa declarado acontecemento de excepcional interese público.
“A ver que fan os senadores galegos do PSOE”, pregúntase ironicamente Pepa Pardo apuntando ao acontecido no que se refire á AP-9 e ás contradicións do socialismo galego “dicindo unha cousa en Galicia e votando a contraria en Madrid”.
O CAMIÑO DE SANTIAGO E A SÚA PROXECCIÓN INTERNACIONAL
O patrocinio tense revelado como clave e moi eficaz para incentivar a participación de empresas privadas na celebración deste evento e dotalo dunha maior capacidade económica. Tamén é unha oportunidade excepcional para que Galicia, e por extensión España, consoliden a súa marca e a proxección internacional do Camiño de Santiago.
Ademais, medidas coma esta contribúen a desenvolver un programa de dinamización turística, social e cultural. De feito, grazas ao desenvolvemento do programa de patrocinios que permiten as desgravacións fiscais das achegas no marco da lexislación de mecenado, no Xacobeo 21-22 adheríronse un total de 40 empresas, o que se traduciu nunha achega total de 28 millóns de euros.