O Partido Popular de Galicia comeza a engraxar xa a súa maquinaria coa vista posta nas eleccións municipais de 2027 marcándose como obxectivo incrementar “aínda máis” o seu apoio nas cidades galegas e poder “ofrecer aos veciños gobernos estables e centrados na resolución dos seus problemas”.
Esta semana os populares galegos reuniron aos integrantes do seu Comité de Cidades precisamente para analizar, no ecuador do actual mandato e a 21 meses da próxima convocatoria electoral, as necesidades actuais das sete cidades galegas e afondar naqueles problemas “sen solución” que teñen os seus veciños.
Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo coordinador deste órgano e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e na que se deu a benvida a Luisa Sánchez logo da súa elección como presidenta do PP de Vigo. “Agardamos que lle deas a Vigo os éxitos que a cidade se merece”, trasladáronlle os seus compañeiros á nova integrante do Comité de Cidades.
A número dous dos populares galegos quixo poñer en valor que hai dous anos que os galegos deron a súa confianza maioritaria ao PP en cinco das sete cidades galegas, pero lamentou que en varias delas impediron gobernar “os pactos de perdedores con intereses partidistas do PSOE e do BNG que primaron sobre os intereses dos veciños”.
Tal e como explicou, as consecuencias destes “pactos de conveniencia” pódense comprobar tanto en Lugo, que “cambiou de alcaldesa pero seguen con liortas constantes entre PSOE e BNG”, como na Coruña, cuxa alcaldesa socialista “está acurralada pola corrupción e polos problemas de seguridade e urbanismo”.
Unha situación de desgoberno que fai extensiva tamén a Santiago de Compostela, onde, na súa opinión, a “vergoñenta” situación na que se atopa o PSOE local é o resultado do pacto co que se fixo alcaldesa a quen ten só 6 concelleiros fronte aos 11 do popular Borja Verea. Un pacto que, concluíu, “só tiña por obxectivo que non gobernase o PP e que está levando á cidade ao desastre”.
En contraposición, Prado presumiu dos beneficios do goberno en maioría de José Manuel Rey Varela para Ferrol: “É unha cidade que avanza, que gaña poboación, que gaña proxectos económicos e empresariais, que medra en emprego, e que ofrece un futuro para os ferroláns”.
Isto é o que os populares galegos queren tamén para o resto de cidades galegas e por iso teñen claro que “o PP ten que gobernar para contar con gobernos centrados na resolución dos problemas dos veciños, para poder ter orzamentos e para evitar que as cidades galegas estean lideradas por soldados de Sánchez que primen os intereses do Goberno central fronte aos dos galegos”.
Na mesma liña, o coordinador de Comité de Cidades do PPdeG e rexedor ferrolán subliñou que “para ofrecer os mellores proxectos de cidade no 2027 non chega co traballo duns meses antes” e de aí a importancia da reunión celebrada esta semana.
“Quen máis confianza recibiu nas cidades galegas foi o PP e por iso somos os que máis temos que traballar para devolver esa confianza ofrecendo a cambio estabilidade”, asegurou apuntando cara o obxectivo de que facer posible o cambio nas cidades onde aínda non se goberna para “liderar xunto ao Goberno de Alfonso Rueda o futuro de Galicia”.