O PPdeG esixe ao Goberno de Pedro Sánchez que cese no seu boicot á transferencia da autopista AP-9 a Galicia e cumpra o mandato parlamentario de analizar os custos e os aspectos xurídicos vinculados a un posible rescate da concesión desta infraestrutura.
Así llo trasladou esta mañá o deputado galego Celso Delgado á secretaria xeral de Transporte Terrestre na súa comparecencia na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso dos Deputados para responder á pregunta formulada polo Grupo Popular sobre, precisamente, as razóns polas que o Goberno central aínda non realizou o estudo sobre as vías xurídicas para a anulación da prórroga e a valoración dos custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9.
“O Goberno que preside desde hai sete anos Pedro Sánchez non respecta a división de poderes, senón que ningunea ás Cortes Xerais e despreza ao Parlamento de Galicia”, afirmou o parlamentario galego citando os diferentes acordos aos que se chegou en ambas Cámaras instándoo tanto á elaboración de dito estudo como ao desbloqueo da tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.
O TRATO DIFERENCIADO DE SÁNCHEZ EN MATERIA DE INFRAESTRUTURAS
En relación a isto último, Delgado esixiu o “cese” do “boicot” que se está producindo no Congreso dos Deputados e denunciou que hoxe mesmo a Mesa desta institución –dominada por PSOE e Sumar– acordou a prórroga número 23 nesta lexislatura do prazo de presentación de emendas á referida lei. “En total, xa son 38 as prórrogas desde que Sánchez asumiu a Presidencia do Goberno de España”, engadiu cualificando a situación de “indignante” e “inaceptable”.
Unha situación á que hai que engadir a promesa realizada esta última fin de semana por Xosé Ramón Gómez Besteiro no Congreso do PSdeG en alusión á AP-9, asegurando que “chegaremos á liberación das peaxes”. Esta promesa supón, en opinión dos populares, “máis palabras baleiras e mentiras como as pronunciadas polo mesmo Besteiro en campaña electoral cando dixo, supostamente co aval de Pedro Sánchez, que con el a autopista sería gratuíta”.
“Mentres a Galicia se lle boicotea a transferencia e a liberación das peaxes, outras comunidades autónomas reciben un trato diferenciado”, alegou Delgado poñendo como exemplo o recente acordo para prorrogar a gratuidade da AP-7 en Alacante e os traballos para liberala definitivamente de peaxes cando, en cambio, o Goberno “non accede nin a eliminar o pago da peaxe do tramo Vigo-O Porriño da AP-9”.
O MOMENTO PROPICIO E NECESARIO PARA DAR PASOS ADIANTE
Para cumprir a reclamación unánime do Parlamento de Galicia sobre a transferencia da titularidade e a gratuidade da AP-9, o deputado galego sinalou que “é necesario dar pasos” como a consideración dos custos que está soportando o Estado para financiar as actuais bonificacións e peaxes na sombra. “Este é un momento moi propicio para analizar os custos e os aspectos xurídicos dun rescate da concesión da AP-9”, subliñou.
Un obxectivo no que o Goberno galego si ten avanzado, xa que en xuño de 2024 encargou a unha empresa experta e independente un estudo pormenorizado do custo dos diferentes escenarios “que xa obra en poder do Goberno de España”.
“O primeiro escenario era o da transferencia da titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma e, segundo este estudo, tería un valor de 526 millóns de euros adicional ás bonificacións vixentes. Un segundo escenario avaliaba o rescate e, en consecuencia, a gratuidade; cuxo custo podería chegar aos 2.355 millóns de euros”, explicou urxindo ao Executivo central a elaborar o seu propio estudo tendo en conta o xa entregado pola Xunta.