Os representantes do Partido Popular de Galicia no Congreso e no Senado impulsan unha “ofensiva parlamentaria” dirixida ao Goberno de España en ambas cámaras e coa que pretenden que “dunha vez por todas” as sete cidades galegas conten cun xulgado específico de violencia de xénero.
A través dunha batería de preguntas e mocións que serán debatidas no próximo período de sesións, os populares galegos demandan ao Executivo a creación de seccións especializadas de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol; así como que as de Vigo e A Coruña non se poñan en marcha a costa da transformación dos xulgados de instrución existentes.
“A violencia sobre a muller é unha das grandes lacras da nosa sociedade na medida en que afecta tanto á dignidade das mulleres como á igualdade real entre homes e mulleres. De aí que sexa necesario poñer todos os medios posibles ao alcance das administracións para combatela de maneira eficaz e eficiente”, xustifica a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo —no Congreso, a iniciativa está encabezada por Pedro Puy—.
Os populares explican que as recentes decisións do Goberno de Pedro Sánchez –a través do Real Decreto para a dotación de novas prazas en seccións de violencia sobre a muller e da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza– van precisamente “no sentido contrario” na medida en que non atenden a demanda de incrementar as prazas en Galicia e, pola contra, incrementarán a carga de traballo das xa existentes.
“Non se contempla a creación das prometidas seccións de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol –o que faría que as sete grandes cidades galegas contasen cada unha delas cunha sección exclusiva–, suprímense dúas prazas de instrución en Vigo e A Coruña e, no caso de Santiago de Compostela e Ourense, amplíase a xurisdición de sendos tribunais de instancia preexistentes”, manifesta Pardo sobre a problemática xerada.
Neste sentido, o PPdeG faise eco do manifestado polos colexios profesionais de avogados e procuradores alertando de que a saturación de asuntos que xa se vive nos casos concretos de Vigo e A Coruña vaise ver agravada: “Trátase dunha decisión disparatada e dun timo, porque o que necesitamos é a creación de xulgados novos, non a transformación nin a sobrecarga de traballo das prazas xa existentes”.
Os parlamentarios galegos recordan así mesmo que o Goberno galego xa ten solicitado en reiteradas ocasións ao Ministerio de Xustiza que reconsidere a súa proposta “atendendo ao colapso que con toda probabilidade se producirá pola acumulación de asuntos en ambas cidades” e que, na mesma liña do que ten demandado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, proceda á creación de seccións de violencia sobre a muller en Lugo, Pontevedra e Ferrol.