Santiago, 25 de marzo de 2019.- O Grupo Popular reiterará mañá no Pleno do Parlamento a necesidade de que o Goberno do Estado estableza un marco enerxético estable e un prezo eléctrico competitivo consensuado co sector electrointensivo, dando resposta á situación que viven empresas galegas como Alcoa ou Ferroatlántica.
“Estamos asistindo a decisións do Goberno socialista que están a complicar cada vez máis o futuro destas empresas, creando incerteza e inestabilidade, polo que confiamos que rectifiquen e teñan en conta as propostas que se lle fan desde Galicia consensuadas coas empresas electrointensivas”, manifestou o portavoz popular, Pedro Puy.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Puy lembrou que a sesión plenaria de mañá inclúe a comparecencia da conselleira do Medio Ambiente para informar sobre a política que está a desenvolver e os proxectos futuros da Xunta en materia de tratamento de xestión de residuos.
MARCO ENERXÉTICO ESTABLE E PREZO COMPETITIVO
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular insistirá na necesidade de que o Goberno central socialista dote dun marco enerxético estable e un prezo eléctrico competitivo que facilite a competitividade das empresas electrointensivas galegas. “Cada día que pasa a situación é máis preocupante pola improvisación e a falta de criterio que amosa o Goberno do Estado, que non é capaz de poñerse de acordo con Rede Eléctrica Española respecto de que as plantas de Alcoa en A Coruña e Avilés poidan participar na poxa de interrompibilidade do segundo semestre deste ano; ou cando a ministra de Economía asegura que a proposta de Estatuto electrointensivo é o máximo ao que se pode chegar”, sinalou o portavoz popular.
“Confiamos que o Goberno do Estado rectifique e teña en conta que a falta de medidas pode provocar un efecto contaxio noutras empresas do sector electrointensivo de Galicia, do que dependen arredor de 5.000 postos de traballo”, apuntou. Neste sentido, considerou “importante que o Goberno central asuma dunha vez que sen prezos competitivos non hai futuro para as empresas electrointensivas en Galicia e España”.
APOIO AOS PROFESIONAIS DO CAMPO
Unha segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular na sesión plenaria vai dirixida a apoiar aos profesionais que traballan no campo a tempo parcial, impulsando cantas medidas sexan necesarias para fomentar e protexer a súa actividade no campo galego.
“Consideramos necesario seguir protexendo a este tipo de traballadores, impulsando novas medidas que garantan e potencien este xeito de desenvolver actividade no rural, que sirve para poñer en valor a terra produtiva, manter unha actividade económica, ter coidadas e limpas as parcelas, e axuda a loitar contra os incendios”, explicou Pedro Puy.