O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno central o exercicio das súas competencias en materia de conectividade para resolver as deficiencias que existen nas áreas rurais neste sentido e garantir o acceso a Internet en todo ao longo do territorio galego.
Con este obxectivo os populares galegos veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que instan ao Ministerio para a Transformación Dixital a que desenvolva estas competencias co asesoramento e colaboración da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega), en aras de atender as complexas características orográficas e poboacionais da nosa Comunidade.
Así o anunciou hoxe o viceportavoz e responsable das áreas de Ciencia e Innovación no Grupo Popular, Julio García Comesaña, nunha visita a Puxedo (Lobios) acompañado pola alcaldesa María del Carmen Yáñez e os deputados autonómicos Nicole Grueira, Víctor Baladrón, Cristina Campero e Raúl Santamaría.
“O Goberno central non só é a única autoridade con competencia en todo o relativo ás conexións a Internet, senón que ademais conta con fondos para exercelas”, declarou facendo referencia ao Programa UNICO que pon a disposición do Ministerio un financiamento de máis de 4.300 millóns de euros precisamente para universalizar as infraestruturas dixitais e a cohesión territorial.
Lamentando que o Ministerio non estea desenvolvendo as súas competencias “a pesar de ter contar cunha capacidade inédita que non tiveron outros gobernos para dar resposta aos retos de conectividade do noso país”, Comeseña tamén cuestionou que desde o Goberno central se estea desaproveitando a colaboración que existía ata hai uns anos coa Administración autonómica a través da Amtega.
Neste sentido recordou o éxito desta colaboración na posta en marcha do primeiro Plan de Banda Larga 2010-2013, que permitiu dotar de Internet ao 80% dos galegos e galegas, e dunha segunda edición coa que se conseguiu que máis do 95% da cidadanía tivese acceso a Internet de, polo menos, 30 Mpbs.
Os deputados Nicole Grueira e Raúl Santamaría tamén quixeron poñer o foco na importancia que esta conectividade ten non só para o rural galego, senón para a mocidade que viva nel e para todos aqueles que queiran facelo. De aí que aseguren que, se se quere asentar poboación no rural hai que ofrecer todas as facilidades posibles: “Actualmente non se pode entender a vida sen conexión a Internet”.
PRETO DE 120 VECIÑOS SEN CONEXIÓN
Os deputados do PPdeG trasladáronse a Puxedo (Lobios) precisamente para visibilizar esta problemática e abordar cos seus veciños o prexuízo que lles provoca o feito de que a banda larga non chegue a todas as vivendas deste núcleo.
Tal e como lles explicou o portavoz da Asociación Veciñal de Puxedo, Pablo Rodriguez, en 2019 foron incluídos nun Plan de Conexión de Banda Larga que contemplaba que antes do 30 de setembro de 2022 todas as súas vivendas tiñan que contar con esta conexión.
“Efectivamente chegou a fibra óptica, pero só ata a entrada de Puxedo, xa que case tres anos despois aínda non se fixo o despregamento desde a caixa terminal ata as 58 vivendas”, denunciou ao tempo que explicaba que os preto de 120 veciños deste núcleo pertencente ao concello de Lobios non contan co servizo debido á falta dun tendido desde a caixa terminal ata as vivendas.