1 de marzo de 2023. O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, lamentou hoxe a “desfachatez” coa que o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista aborda o problema da saúde mental en Galicia, “esquecéndose que os socialistas votaron en contra da lei que vai permitir a incorporación cunha praza estable a 173 profesionais da saúde mental á sanidade pública galega”.
“Ademais, é alarmante a súa frivolidade sobre este ámbito, xa que Galicia conta desde o ano 2020 cun Plan de Saúde Mental, no que xa se prevé a creación de hospitais de día infanto-xuvenís nas sete áreas sanitarias, dos cales xa están funcionando neste momento os de Vigo, Santiago, Ourense, Lugo e Ferrol”, sinalou.
Alberto Pazos lembra que o Plan de Saúde Mental de Galicia “conta cunha memoria asistencial detallada e unha dotación orzamentaria de 83 millóns de euros para catro anos, dos cales 36 millóns están consignados a un aumento progresivo do capítulo de persoal ata crear 241 novas prazas”.
MENOS ORZAMENTO E MENOS PRAZAS
“Resulta sorprendente que o PSdeG considere este plan como unha ausencia de medidas cando eles mesmos, hai xa 17 anos, aprobaron cando estaban no Goberno bipartito un Plan Estratéxico de Saúde Mental que contemplaba, para un período de seis anos, unha dotación orzamentaria de 43 millóns de euros e a creación de 155 prazas: é dicir, para un período superior de tempo, consideraban suficiente a metade do orzamento e o 60 por cento das prazas que hoxe lles parecen insuficientes”, manifestou.
Así mesmo, Pazos explicou que o Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024 prevé á creación de hospitais de día infanto-xuvenís nas sete áreas sanitarias. Neste momento xa están en funcionamento os de Vigo, Santiago, Ourense, Lugo e Ferrol, e está previsto que antes de que remate o vindeiro ano se poñan en marcha os de A Coruña e Pontevedra. Cada unha destas unidades conta con profesional de psiquiatría, de psicoloxía clínica, de traballo social e de enfermería especializada.
O viceportavoz popular incidiu no “grave problema que existe para garantir a cobertura de profesionais de saúde mental, ante o que a Xunta deu a máxima prioridade a estas prazas para atraer a todos os profesionais dispoñibles”. Así, lembrou que “o Parlamento galego aprobou, co voto en contra dos deputados socialistas, unha lei para que as prazas de psicoloxía, psiquiatría e enfermería especialista que derivan do Plan de Saúde Mental se puideran cubrir por concurso de méritos”, unha nova norma coa que xa traballa a Xunta para convocar 173 prazas de persoal sanitario de saúde mental en toda Galicia.
FORMACIÓN DE NOVOS ESPECIALISTAS
No que respecta á formación de novos especialistas, o Goberno galego oferta este ano 4 prazas formativas máis de psiquiatría que o ano pasado, ademais de ter acreditado en tempo récord unha praza para a nova especialidade de psiquiatría infantil, que converterá a Galicia nunha das primeiras comunidades en formar facultativos desta especialidade. En total, son 18 prazas, 4 máis das que se ofertaban en 2009.
No que se refire á oferta formativa en psicoloxía clínica, a Xunta oferta este ano 5 prazas máis que en 2022, chegando así a 13. Esta cifra representa case o dobre das que se ofertaban en 2009.