O Partido Popular de Galicia presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para instar ao Goberno de España a que adopte as medidas necesarias “para minimizar o impacto negativo da Lei do ‘só si é si’ nas vítimas de violencia sexual” porque “o 25-N debe servir para que o Goberno rectifique e se comprometa a asegurar que ningún agresor cumpra unha pena inferior á que tiña antes da entrada en vigor da súa chapuceira lei”.
Así o anunciou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, no acto organizado polo partido en Santiago de Compostela para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero e que contou coa presenza, entre outros, de María Jesús Lorenzana, Fabiola García, Rosa Quintana, Elena Candia, Susana López Abella e Miguel Santalices.
Prado cualificou a xornada como “un día de reivindicación pero sobre todo de lembranza de todas e cada unha das vítimas de violencia machista que nunca deberon ser asasinadas” e “un día para lembrar que nesta loita queda moito camiño por percorrer”, concluíndo: “Debemos seguir traballando para que o 25-N deixe algún día de conmemorarse”.
Afirmou así mesmo que “a loita das mulleres ten que ser integral e contar co conxunto da sociedade e especialmente cos representantes políticos” e por iso deu o seu compromiso de que o PPdeG “incluirá en todos os seus programas electorais das vindeiras eleccións municipais un apartado específico para igualdade e para loitar contra a violencia de xénero”.
Neste sentido reivindicou que o Partido Popular de Galicia “é o partido que mellor representa a igualdade real con medidas e non con globos sonda, con firmeza e non con vaivéns, con coherencia e nunca con demagoxia”. Poñendo en valor o labor “encomiable” do Goberno galego neste eido.
Paula Prado contrapuxo esta actitude coa do Goberno central a súa “chapuza lexislativa”, en referencia á Lei do ‘só si é si’, volvendo pedir que “rectifique e se comprometa a asegurar que ningún agresor cumpra unha pena inferior á que tiña antes da entrada en vigor desta norma aprobada sen consenso, de forma soberbia e desatendendo todas as advertencias”.
Acto seguido afeoulle ao BNG que “recorra á mentira é a calumnia para ocultar a súa implicación e complicidade con esta Lei que votaron a favor”, o que lle serviu para concluír: “O independentismo galego e o socialismo non están para dar leccións a ninguén sobre feminismo e igualdade”.
RUEDA: “NINGUÉN SE DEBE APROPIAR DUNHA CAUSA DE TODOS”
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, tamén estivo presente no acto a través dun vídeo no que dixo “basta xa de violencia contra as mulleres, basta xa de agresores e basta xa de estereotipos e fendas que nos impiden aínda alcanzar a igualdade efectiva”.
Reafirmou neste sentido que desde o PPdeG seguirase traballando “para acadar unha sociedade sen brechas de xénero e onde as mulleres poidan ser, vivir e decidir exactamente como queiran”; reivindicando que a loita pola igualdade real entre homes e mulleres “non é nada novo” para a formación: “Ninguén se debe apropiar dunha causa de todos nin nos ten que dar leccións. A nós, desde logo, non”.
“Este partido foi o primeiro en implantar un Plan de igualdade e o primeiro en crear unha Consellería de Igualdade. Somos o partido que traballa da man das galegas para conseguir unha Galicia en igualdade”, engadiu.
Alfonso Rueda afirmou así mesmo que “para lograr a igualdade sempre valen máis os feitos que as proclamas” e por iso puxo en valor o “compromiso constante” do Partido Popular “coas vítimas de violencia de xénero, ás que ofrece apoio para abandonar o pesadelo do que son reféns”. Así como as actuacións do Goberno galego en materia de emprego, emprendemento, conciliación e educación”.
O líder dos populares galegos concluíu que “aínda queda moito por avanzar” e que “mentres a Galicia sen fendas que desexamos non sexa unha realidade, o PPdeG seguirá dando todo de si para que as nenas de hoxe e de mañá vivan en igualdade”.
A VIOLENCIA DE XÉNERO DENDE UN ENFOQUE MULTIDISCIPLINAR
O acto, baixo o lema Somos Igualdade, acolleu a celebración dunha mesa redonda baixo o título A violencia de xénero dende un enfoque multidisciplinar, moderada pola vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño.
Nesta mesa interviñeron e compartiron as súas experiencias diferentes expertas no eido da igualdade e da loita contra a violencia de xénero. Entre elas Begoña Riveira, asesora xurídica dos Centros de Información ás Mulleres de Coirós e de Arzúa; a psicóloga Ana Abad e a avogada especializada en violencia de xénero Sabela Fole.
Esta mesa contou tamén coa participación da deputada galega Marta González, que foi secretaria xeral de Igualdade entre 2009-2011 e participou como relatora do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Foi tamén quen advertiu das consecuencias negativas que podía ter da Lei do ‘só si é si’ durante a súa tramitación parlamentaria.
María Jesús Lorenzana foi a encargada de pechar o acto, reivindicando “o firme compromiso do Goberno galego coa erradicación de calquera tipo de discriminación e violencia contra ás mulleres na nosa sociedade”. Porque, tal e como asegurou: “A violencia non é un asunto ideolóxico, senón un problema estrutural que está presente en calquera ámbito e de múltiples formas”.