Paula Prado e Rosa Quintana visitan a zona portuaria de Porto do Son e participan na constitución da Comisión de Mar dos populares galegos
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pediu ao Goberno central que confíe a Galicia a xestión da súa costa e que deixe de exercer “funcións que non lle corresponden”, algo que —segundo afirma o Consello Consultivo— provoca “unha situación anómala”.
Acompañada pola vicesecretaria territorial do PP da provincia da Coruña Rosa Quintana, Prado visitou a zona portuaria de Porto do Son antes de participar na constitución da Comisión de Mar dos populares galegos, que está presidida polo coordinador desta área, Antonio Basanta, á que asistiu o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, e da que son membros o eurodeputado Francisco Millán Mon, a deputada autonómica Teresa Egerique, o deputado nacional Joaquín García Díez, políticos locais e representantes do sector marítimo-pesqueiro.
Durante a xuntanza, a secretaria xeral indicou que un dos principais temas a tratar na reunión que este xoves manterá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, con Pedro Sánchez será o traspaso da xestión do dominio público-marítimo terrestre, polo que agarda que “mañá rematen as escusas e o Goberno central dea por fin o paso para que a costa da Comunidade con máis quilómetros de litoral deixe de estar xestionada desde un despacho de Madrid”.
Como resaltou, chegou “a hora de dicir si” a ese traspaso e de que se deixe de alegar a necesidade de modificar Estatuto —a Xunta xa demostrou que non é necesario e o Consello Consultivo avalou esta tese—. Igualmente, reclamou que Sánchez “deixe de manter o seu egoísmo sobre o noso litoral e o faga a costa de Galicia”, precisando que a actitude do socialista ameaza centos de postos de traballo das empresas da cadea mar-industria, vivendas, depuradoras e outros centos de edificacións de todo tipo.
Nese senso, insistiu en que se trata dunha “petición necesaria, meditada e fundamentada” coa que se evitarían os constantes ataques que levan sufrindo durante meses 4.000 edificacións do noso litoral en forma da Lei de cambio climático, do Regulamento de Costas ou do Plan Estratéxico de Protección da Costa.
O MAR, PARTE FUNDAMENTAL DO PPdeG
A secretaria xeral manifestou que o sector marítimo-pesqueiro “é e sempre será un dos eixos fundamentais do PPdeG”, explicando que a Comisión de Mar vén reforzar esta relevancia nas políticas dos populares e actuará como un “laboratorio de ideas” para apuntalar as reivindicacións do sector.
“Temos claro que o partido que máis se parece Galicia tamén é o partido que máis se parece ao noso mar e así se reflectirá tamén nos programas electorais dos 82 concellos costeiros da nosa Comunidade”, dixo engadindo que o mar estará presente neses 82 obxectivos, pero tamén no resto dos 313 obxectivos, pois é parte fundamental do proxecto común do PPdeG.
Así mesmo, apuntou que a Comisión percorrerá os concellos da costa galega e atenderá ao sector porque “estaremos onde haxa que estar para traballar en conxunto, non “a costa” de Galicia, senón “pola costa” de Galicia”.
Pola súa parte, Rosa Quintana recordou que a pesca sempre foi “un motivo de preocupación e traballo constante” para o PPdeG e agradeceu o esforzo das persoas que forman parte da Comisión de Mar, ás que “non se lles pide militancia a ningún partido senón compromiso para analizar e buscar solucións aos problemas do sector”.
De igual modo, incidiu na necesidade de que a Unión Europea faga unha “auténtica reforma da política pesqueira común”, aclarando que se deben aportar os argumentos científicos que permitan desbotar a proposta europea que pretende limitar a pesca de fondo en 87 zonas. Ademais, pediu que o Estado reflexione á hora de facer a Lei de pesca sostible, xa que contén importantes riscos para o futuro do sector.