O voceiro popular e alcalde de Poio, Ángel Moldes, deixa claro que desde o partido apoian a proposta, e non comparten o rexeitamento de PSOE e BNG, de que o Goberno galego reforce o fondo base do Fondo de Cooperación Local entre os concellos de menos de 15.000 habitantes
Os concellos do Partido Popular de Galicia que forman parte da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) piden ao presidente, Alberto Varela, que “deixe de falar en nome de todos os concellos” e non converta o ente nunha “plataforma de ataque político”.
En declaracións difundidas aos medios, despois da reunión ordinaria mensual celebrada onte, o voceiro do PPdeG na Fegamp e alcalde de Poio, Ángel Moldes, deixa claro que os populares apoian a proposta do Goberno galego de reforzar o fondo base do Fondo de Cooperación Local con 5,4 millóns de euros que se repartirán entre os concellos de menos de 15.000 habitantes. Polo tanto, non comparten o rexeitamento a esta medida que este martes foi exposta como unha postura unánime da Fegamp cando non foi tal.
“Non entendemos que se estea tratando de distorsionar, con posturas totalmente partidistas en asuntos que deberían ser consensuados entre todas as forzas políticas e con posturas que a Fegamp di que son unánimes cando saben que non o son”, expresa Moldes, quen aclara que ese punto só contou cos votos favorables dos representantes do PSOE e do BNG.
Así, desde o PPdeG solicitan a Alberto Varela que “recupere o espírito de concordia e consenso”: “Ten que recordar que como presidente da Fegamp non representa unicamente a aqueles municipios que son gobernados polo PSOE ou polos seus socios do BNG. Representa a todos os concellos de Galicia”.
Nesta liña, pídenlle que deixe de converter o ente supramunicipal nunha “plataforma de ataque político” cara a Xunta de Galicia ou cara calquera administración que goberna o Partido Popular. “A Fegamp debe volver ser un instrumento útil para todos os concellos con independencia de quen os goberne. O seu presidente debe deixar de dispoñer da Fegamp ás ordes do que indica o PSOE”, sentencia Moldes.
O voceiro popular considera que, se os socialistas queren defender os intereses de todos os concellos, o que teñen que facer é “non esquecer que é o Goberno central quen está afogando aos municipios con impostos innecesarios como os derivados da Lei de residuos ou da Lei de benestar animal”.
REFORZO DO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL
A medida da Xunta de Galicia para reforzar o Fondo de Cooperación Local beneficiaría a case 90% dos concellos, os de menos de 15.000 habitantes, que á vez son os que teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.
Polo tanto, é unha medida “positiva e necesaria”, que a Fegamp “sería o primeiro que tería que apoiar”, conclúen desde o PPdeG.