5 de abril de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou que a súa formación afronta a campaña electoral para os comicios municipais do 28 de maio como “15 días de ilusión e ganas de dicir que o plan do Partido Popular é o mellor plan para os galegos e as galegas” nos 313 concellos.
“Somos o único partido capaz de debuxar un mapa cos nomes e apelidos dos nosos 313 candidatos e candidatas, un por cada concello de Galicia, sen facer uso da intelixencia artificial. Porque somos o único partido que está presente en cada recuncho e con 313 candidatos cos que trazar entre todos o mellor futuro para Galicia”, remarcou.
Na súa comparecencia ante os medios para presentar as liñas xerais da campaña, reivindicou que os populares galegos foron os primeiros “en todo”. Tanto á hora de presentar os candidatos das 7 cidades xa en outubro do ano pasado como aos candidatos dos outros do total de concellos o pasado 25 de febreiro. Así como tamén en dar a coñecer os 11 aspirantes de menos de 30 anos.
Sobre os candidatos das grandes cidades, Paula Prado definiunos como “os mellores aspirantes para mudar o rumbo en todas elas”. Nomeadamente, referiuse a Marta Fernández-Tapias como “a alternativa necesaria para o populismo de Vigo”, a Miguel Lorenzo como “unha aposta segura na Coruña”, a Manuel Cabezas como “o alcalde con cabeza que precisa Ourense” e a Elena Candia como “a única que ten Lugo como prioridade fronte aos pactos de perdedores”.
Do mesmo xeito, ve a Borja Verea como “o futuro de Santiago de Compostela para deixar atrás un alcalde que representa o pasado e a corrupción” e a José Manuel Rey como “o líder que necesita Ferrol ante un alcalde imputado e cun goberno roto”. No que se refire a Rafa Domínguez, aseguro que é o único que pensa igual que os pontevedreses: “Toca cambio”.
UNHA CAMPAÑA #EntreTodos
Respecto á campaña electoral que dará inicio en menos dunha semana, Paula Prado afirmou que o PPdeG a afronta “pensando entre todos e para todos” e que durante eses 15 días seguirán presentando o seu proxecto de futuro aos veciños e veciñas de toda Galicia.
“Falaremos da nosa experiencia, tendo en conta que a metade dos nosos candidatos xa son ou foron alcaldes e alcaldesas. Polo tanto, neses lugares trataremos de revalidar a confianza e nos concellos nos que non contamos con esa confianza de forma maioritaria, conseguirémola ofrecendo unha imaxe de alternativa e unha alianza cos veciños fronte aos pactos de perdedores que non levan a ningures”, explicou.
Nas primeiras eleccións municipais de Alfonso Rueda como líder dos populares galegos, a súa secretaria xeral asegurou que isto se traducirá nunha “implicación máxima” por parte do presidente. De feito, só nesta precampaña que está a punto de rematar, participou en máis dunha trintena de actos e o vindeiro luns estará tamén fóra de Galicia para acompañar ao candidato de Barcelona, Daniel Sirera, e á candidata en Guadalajara, Ana Guarinos. Neste último acompañado do “futuro presidente” de Castela-A Mancha, Paco Núñez.
Neste sentido adiantou que o presidente Rueda estará presente durante a campaña en máis de 70 actos por todo o mapa galego, en todas as provincias, nas 7 cidades, nas vilas e en concellos pequenos. E participará ademais na noite do próximo xoves na pegada de carteis en Santiago de Compostela.
A propia Paula Prado e os membros do Goberno galego estarán aportando en todo o territorio, xunto a membros destacados do PP nacional que se desprazarán a Galicia. Concretamente o presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo; o presidente Mariano Rajoy, o coordinador xeral e director de campaña nacional, Elías Bendodo, e o vicesecretario de Cultura e portavoz de campaña nacional, Borja Sémper.
“Contaremos con todos e faremos unha campaña para todos, baixo o lema Galicia entre todos”, concluíu.