O Partido Popular de Galicia presentará nos concellos galegos unha moción con motivo da conmemoración do Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, coa que os populares pretenden avanzar, desde o ámbito local, na prevención da violencia de xénero, no tratamento das súas vítimas e na súa erradicación completa.
Deste xeito demandan diversas actuacións como a reforma das ordenanzas municipais “para que teñan perspectiva de xénero e así evitar discriminacións cara as mulleres nas políticas públicas locais e nos orzamentos”, o impulso e apoio á creación e á continuidade de asociacións de mulleres “como espazo de participación e empoderamento feminino”, o impulso á formación do persoal municipal no ámbito da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, ou unha maior implicación en campañas publicitarias e na elaboración de materiais “que incidan na necesidade de establecer puntos seguros e de información sobre a violencia sexual nos espazos públicos”.
Sobre este último punto, os populares galegos inciden ademais na necesidade de “fomentar o establecemento de vixilancia por parte da Policía Local, en colaboración coas forzas e corpos de seguridade do Estado, nos denominados puntos negros” tales como aparcadoiros, canellóns ou pasadizos.
Pola súa banda, instan tamén ao Goberno central a dar cumprimento efectivo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero: “Impulsando as modificacións lexislativas pendentes e adoptando as medidas recollidas neste Pacto en materia de prevención, detección e atención integral”.
Ao tempo que poñen en valor “o marco de colaboración interinstitucional entre o Goberno galego e os concellos de Galicia” que constitúe o Protocolo de Colaboración asinado en 2017 para o impulso da Rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero, o PPdeG demanda tamén da Xunta de Galicia “colaboración permanente cos concellos” e “o apoio técnico necesario aos concellos no ámbito da loita contra todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres en materia de formación, prevención e sensibilización”.
MÁIS INVESTIMENTO EN IGUALDADE E MELLORAS LEXISLATIVAS
As demandas recollidas nesta moción, así como outras cuestións, foron tratadas esta semana nunha reunión da Comisión Permanente de Igualdade do PPdeG que contou coa presenza da secretaria xeral do partido, Paula Prado.
Na xuntanza, presidida pola vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño, valoráronse “moi positivamente” os Orzamentos da Xunta para 2023 neste eido e destacaron o incremento das partidas vinculadas á area de igualdade nun 41,4% ata chegar aos 44,5 millóns de euros.
“Reforzarase a loita contra a violencia de xénero, con máis recursos e prestacións ás vítimas, e seguirá apoiándose aos Centros de Información á Muller (CIM), que só neste ano axudaron a máis de 9.500 mulleres en toda Galicia”, engadiu Touriño antes de poñer en valor “o próximo cumprimento dunha importante demanda dos colectivos e do PPdeG”: a modificación da lexislación autonómica sobre violencia de xénero para amparar ás vítimas de explotación sexual.