Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos demandaron hoxe ao Goberno central a aplicación inmediata do réxime especial de franquicia do IVE, previsto na Directiva europea 2020/285 e que debía estar vixente desde o 1 de xaneiro de 2025, o que aliviaría considerablemente a carga fiscal de máis de 100.000 autónomos galegos que teñen un volume de negocio por baixo dos 85.000 euros. “Pola contra, o Goberno de Pedro Sánchez prefire implantar unha suba considerable das cotas que pagan os autónomos á Seguridade Social, unha proposta que só é defendida polo Partido Socialista e que representa unha nova derrota para o Goberno”, indicaron.
Julio García Comesaña e Manuel Santos mantiveron un encontro en Pontevedra co presidente e a vicepresidenta da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia, José Ramón Caldas e Silvia Crespo, no que abordaron as consecuencias da demora do Goberno de España na posta en marcha do réxime especial de franquía do IVE.
Esta norma, xa aplicada noutros países da Unión Europea, permitiría eximir do pago e da liquidación periódica do IVE ás pequenas empresas e autónomos cun volume de negocio anual inferior aos 85.000 euros, reducindo notablemente os custes administrativos e a carga burocrática que soporta o colectivo.
57% POR BAIXO DOS 85.000 EUROS
Segundo os datos da Axencia Tributaria, arredor do 57 por cento dos declarantes do IVE en España facturan por baixo dese limiar, o que suporía máis de 100.000 autónomos galegos potencialmente beneficiarios. Porén, España é un dos poucos Estados membros que aínda non transpuxo a Directiva, o que motivou un Ditame Motivado da Comisión Europea en xullo de 2025, paso previo a unha posible sanción por incumprimento.
“Estamos a falar dunha medida pensada para axudar, e que o Goberno converteu nun novo agravio, porque cada mes que pasa sen aplicala supón máis burocracia, máis custes e menos competitividade para miles de pequenos negocios galegos”, sinalou Manuel Santos.
Pola súa parte, Julio García Comesaña lamentou que “mentres Europa busca facilitar o crecemento dos autónomos e pemes, o Executivo central segue instalado na parálise normativa e na improvisación fiscal”.
INICIATIVAS PARLAMENTARIAS
Durante o encontro, os deputados populares explicaron que o Partido Popular demandará tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados que o Goberno de España proceda a transpoñer con carácter urxente a Directiva 2020/285, poñendo en funcionamento o réxime de franquía antes de rematar o ano e garantindo unha simplificación real do sistema, sen novas cargas nin limitacións adicionais.
“Desde Galicia, o PP seguirá esixindo políticas que dean respiro ao noso tecido produtivo e que recoñezan o esforzo dun colectivo esencial para a economía e o emprego da provincia”, concluíron.