Tellado e Prado reúnense con mozos para escoitar a súas inquedanzas sobre a pioneira reforma que inclúe a violencia dixital na nosa lexislación
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ratificou o compromiso do seu partido na loita contra a violencia de xénero e a favor a igualdade real entre homes e mulleres, para o que seguirán buscando acordos coa oposición.
Así o expresaba trala reunión que mantivo xunto á vicevoceira do Grupo Popular Paula Prado cun grupo de mozos para escoitar a súas inquedanzas sobre a reforma proposta polo PP no Parlamento, pioneira en España, para que a violencia dixital sexa tipificada dentro da Lei de violencia de xénero, buscando acadar un dobre obxectivo: a prevención deste tipo de condutas e, no caso de producirse, a protección e axuda ás vítimas.
O número dous do PPdeG incidiu en que a loita contra a violencia de xénero e a igualdade debe ser unha política transversal, que se reflicta no traballo en todos os ámbitos da Administración e da política. De feito, os populares levarán ao Congreso autonómico a proposta dunha Comisión Estatutaria de Igualdade, que inspire todas as políticas do partido.
Pola súa parte, Paula Prado fixo fincapé na necesidade desta reforma, apuntando que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2017 introducía unha medida co obxectivo de modificar o Código Penal para condenar e lexislar sobre a violencia dixital, sen embargo, a día de hoxe continúa sen haber ningún tipo de modificación. “Lamentamos que o Goberno de España estea ausente na protección ás mulleres, sobre todo ás adolescentes que son as máis vulnerables a este tipo de violencia” dixo.
DESLEALDADE E BLOQUEO DA OPOSICIÓN
En declaración aos medios, Tellado celebrou que a reforma proposta polos populares galegos “sorprendentemente” conseguise o apoio inicial do resto de formacións xa que, “mentres en Galicia reivindican máis medidas e financiación en materia de igualdade, en Madrid néganse a esixirlle a Sánchez que cumpra as obrigas do Pacto de Estado pola Violencia de Xénero”.
“Ogallá estes avances conxuntos en materia de igualdade foran a norma pero non é así”, subliñou recordando que, no que levamos de Lexislatura, o Parlamento aprobou 11 leis e ningunha delas co apoio da oposición, que amosou unha actitude de deslealdade, confrontación e bloqueo ante medidas esenciais contra a pandemia -a reforma da Lei saúde de Galicia, a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica ou a Lei de impulso demográfico, entre moitas outras-.
Ademais, tamén lembrou que, entre 2016 e 2020, o Parlamento aprobou 13 leis, das cales ningunha contou co apoio do BNG é só unha co voto a favor do PSdeG, unha situación similar á que aconteceu co ditame da Comisión de Reactivación. Sobre isto, explicou que, a pesar de que o PPdeG formulou máis dun cento de propostas de acordo (104) e que se chegou a 46 transaccións, nin o PSOE nin o BNG votaron a favor do ditame, engadindo que agarda que rectifiquen, pois queda pendente o seu debate final no Pleno de xuño.
“Todo parece indicar que non teñen ningunha vontade de acordo, cando se limitaron a votar as transaccións formuladas polo PPdeG sen tratar de buscar consenso para favorecer a reactivación económica, social e cultural de Galicia”, manifestou ao tempo que afeaba que Ana Pontón non participase onte nesta Comisión, da que é titular, preferindo realizar unha visita a unha cadea de supermercados.
“Se a oposición non quere chegar a acordos nestes momentos esenciais para o presente e futuro de Galicia, cando quererá chegar a acordos coa maioría parlamentaria? Se non está coa Comunidade, cando a cidadanía o esixe máis que nunca, cando estará presente?”, preguntou resaltando que, afortunadamente, os galegos deron unha ampla maioría ao PPdeG, que permite aprobar estes textos legais e poñer en marcha as medidas necesarias para xestionar unha crise tan complexa.