O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o seu partido seguirá defendendo a continuidade dos postos de traballo na factoría de Siemens-Gamesa, situada no concello das Somozas.
De feito, o número dous dos populares galegos, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e o presidente do PP de Ferrol, José Manuel Rey, impulsaron, xunto con outros deputados do Partido Popular de Galicia, unha proposición non de lei no Parlamento con este obxectivo.
Mediante esta iniciativa, amosan o seu respaldo aos traballadores de Siemens-Gamesa e instan á Xunta a promover xunto ao Executivo central a creación dunha Mesa de traballo -formada polo Comité de Empresa, pola propia empresa e por representantes de ambas administracións- para estudar a viabilidade da planta das Somozas e garantir así o mantemento do emprego nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aproveitando as oportunidades que ofrecen os plans de transición enerxética da Unión Europea.
Como salientou, o continuidade da actividade e do emprego nesta factoría é fundamental, non só para estas tres comarcas senón para toda a Comunidade, xa que se trata dunha empresa moi importante no crecemento e desenvolvemento do sector eólico galego, sendo, ademais, fonte de exportacións.
A NECESARIA IMPLICACIÓN DO GOBERNO CENTRAL
Así mesmo, Tellado destacou o labor do Goberno autonómico que, dentro dun contacto permanente cos traballadores, está a colaborar na busca de solucións para Siemens-Gamesa, coñecedora da súa experiencia consolidada no sector e do seu papel clave para o desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Ferrolterra, Eume e Ortegal; así como para o porto de Ferrol, unha infraestrutura fortemente vinculada a este ámbito.
Tras poñer en valor este compromiso da Xunta, manifestou a necesidade de contar tamén coa implicación do Executivo central, que debe concretar cando, como e en que condicións levará a cabo as poxas de renovables. “Non nos cansaremos de pedir ao Goberno de Sánchez que faga o seu traballo e defenda por fin a industria galega”, engadiu.
Nese senso, sinalou que a planta das Somozas viña tendo, ata o momento, unha importante carga de pedidos no mercado nacional e no internacional; sen embargo, o clima de inestabilidade que atravesa o sector enerxético, ante a falta de políticas por parte do Goberno de España que acheguen certezas ao tecido industrial, está a afectar á súa situación.
CONCRETAR NOVOS PEDIDOS
O secretario xeral pediu a Siemens-Gamesa que siga apostando por unha fábrica da que dependen 500 empregos -entre directos e indirectos- e pola economía de tres comarcas ante a posibilidade de que futuros investimentos se deriven á planta lusa de Vago. “Faise necesario e urxente o seu compromiso de carga de traballo máis aló de 2020 en Galicia”, incidiu.
“Esperamos que se poidan concretar novos pedidos nas próximas semanas, xa que non hai novos confirmados máis alá do mes de decembro; e pedimos á empresa que abra a posibilidade de fabricar modelos máis innovadores de pas para non limitar o mercado desta factoría ao único modelo que se está a facer nestes momentos”, subliñou.
Ademais de continuar apoiando ao Comité de Empresa en todas as tarefas para defender o emprego, Tellado insistiu en que os populares, desde o Parlamento de Galicia e desde a Xunta, colaborarán activamente con Siemens-Gamesa para buscar vías de futuro para esta planta.