16, abril, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou a axilidade do Goberno galego na aprobación dos expedientes de regulación de emprego (ERTE), co fin de garantir a viabilidade das empresas galegas e o mantemento de miles de postos de traballo.
Neste punto, o número dous dos populares galegos salientou que a Xunta está resolvendo dentro de prazo todos os expedientes de regulación temporal de emprego presentados. E subliñou que xa se resolveron preto do 90% deles.
Recordou que foi o Ministerio de Traballo quen, o pasado 28 de marzo, habilitou unha ampliación de 5 a 10 días hábiles do prazo máximo de resolución e notificación dos ERTE, para que as Comunidades puidesen analizar tecnicamente cada un deles. Segundo apuntou Tellado, con esta ampliación á que a Xunta se acolleu, Galicia está a garantir que o proceso quede máis blindado e conte con maior seguridade xurídica, tanto para as empresas como para os traballadores, xa que se está a revisar cada un dos expedientes. Ao dispoñer de dez días, haberá máis resolucións informadas polos técnicos da Administración autonómica e, polo tanto, menos expedientes que vaian adiante por silencio positivo. Isto facilita, dixo, que os expedientes sexan tramitados da forma máis garantista posible.
O secretario xeral do PPdeG aclarou, tamén, que o Goberno galego aprobou o pasado 2 de abril no Diario Oficial de Galicia esta ampliación, tras a nota interpretativa enviada polo Goberno central ás Comunidades. Por iso, incidiu en que aqueles traballadores que a día de hoxe aínda non cobraran polo ERTE de marzo é debido a que o Goberno central segue sen aboar a prestación correspondente. Así, instou ao Goberno central a que aclare o número de prestacións que pagou os traballadores afectados polos ERTE en Galicia, ademais de pedirlle a máxima sensibilidade coas familias afectadas por esta situación.
Para Tellado, o verdadeiro problema dos expedientes de regulación temporal está en que centos de persoas afectadas non teñen percibido por parte do Goberno a prestación pese a ser aprobado o seu ERTE pola autoridade laboral. Un problema, salientou, do que xa leva advertindo a Xunta desde hai tres semanas.
O número dous do PPdeG fixo fincapé en que é preciso que o Goberno central teña no pago das prestacións a mesma dilixencia que está tendo a Xunta para resolver todos os expedientes dentro do prazo establecido. É que, tal e como dixo, ninguén podería entender que unha familia teña que esperar ata o mes de maio para cobrar a súa prestación cando o traballador está na súa casa e cun ERTE xa autorizado. “De que serve que a Xunta axilice a tramitación administrativa e aprobe un ERTE se despois o Goberno non flexibiliza o pago das prestacións e os traballadores e traballadoras afectadas teñan que esperar, como mínimo, ata o 10 de maio?”, lamentou Tellado.