O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a ampliación ao gas natural das axudas contra a pobreza enerxética.
Logo de recordar que, na actualidade, a Xunta pon a disposición das familias que o necesiten axudas de dous tipos diferentes: o tique eléctrico social, implantado en 2014, e as axudas de urxencia para evitar os cortes de luz, en vigor desde 2016, Feijóo precisou que a partir de 2017, tamén poderán acceder a estas axudas as familias galegas que non poidan pagar as facturas do gas.
Deste xeito, cando algunha das familias vulnerables estea en risco de sufrir un corte de luz ou gas por impagamento ou atraso, activarase un protocolo de urxencia. A comercializadora de luz ou gas notificará ao cliente da existencia destas axudas e se a familia interesada presenta a solicitude ante a Xunta, a Administración autonómica solicitará á compañía que paralice o corte de subministro durante un mes, tempo necesario para resolver a axuda.
Así mesmo, cómpre salientar que aínda que non se solicite a axuda no momento preciso, o subministro reanudarase en canto se faga.
Cómpre precisar que, a través do tique eléctrico, ofrécense axudas de 180 euros ao ano, contía que ascende ata os 300 euros no caso de familias numerosas. Pola súa parte, para evitar cortes de luz e gas natural, a Xunta pagará dúas facturas por ano e un importe de 200 euros por solicitante.
Feijóo subliñou que esta axuda ponse en marcha a través dun protocolo de colaboración único coas empresas comercializadoras: Gas Natural-Fenosa, Endesa, Iberdrola, EDP, CHC e Viesgo. E, a estas compañías de referencia do mercado regulado iranse sumando, ao igual que este ano, as comercializadoras do mercado libre que o desexen.
O titular da Xunta fixo fincapé en que a loita contra a pobreza enerxética é un obxectivo do Goberno galego e lembrou que desde 2014 concedéronse xa 4.955 axudas do tique eléctrico social; mentres que este ano houbo 1.051 familias que evitaron un corte de luz coas axudas de emerxencia.
Nesta mesma liña, salientou que estas axudas compleméntanse co bono social que hai dispoñible a nivel estatal e con outras iniciativas de ámbito autonómico como a colaboración con colectivos como Cáritas e a Cruz Vermella, para que as familias en risco coñezan estas axudas; a defensa dos consumidores, “que nos levou a abrir máis de 2.300 expedientes sancionadores ás eléctricas” desde 2009, por un importe duns 23 millóns de euros; e o Plan de aforro e eficiencia nas vivendas galegas, co que a Xunta axudou nos últimos dous anos a 7.000 fogares a reducir ata un 50% o custo necesario para manterse a unha temperatura axeitada.
Por tanto, como concluíu o titular do Goberno galego, “agora en Galicia non será fácil cortar o subministro de gas do mesmo xeito que non é fácil cortar o subministro da luz”.