O Partido Popular de Galicia celebra que, grazas ao impulso do Grupo Popular no Parlamento Europeo, o Comité Permanente do Convenio de Berna veña de aprobar a redución do nivel de protección do lobo e se abra así a posibilidade de que se poida regular o control cinexético da especie.
Os populares fanse eco da recente votación na que se decidiu reducir o nivel de protección do lobo, pasando de “especie de fauna estritamente protexida” a “especie de fauna protexida”. Unha decisión que deberá ser complementada coa posterior reforma da Directiva de Hábitats da Unión Europea e que os eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez consideran “un paso imprescindible para poder controlar as poboacións de lobo”.
O lalinense Adrián Vázquez explica que “aínda que Europa fixo o seu traballo, é importante que agora o Goberno de Sánchez mova ficha”, recordando neste sentido que España e Irlanda foron os únicos países que votaron en contra desta modificación no Consello de Europa. De aí o seu temor a que “o sectarismo da esquerda siga dificultando o traballo dos nosos gandeiros”.
Millán Mon, pola súa banda, subliña que en 2023 morreron en Galicia preto de 3.000 cabezas de gando debido froito de 1.600 ataques de lobos que “non deixan de aumentar”. Por isto, sinalou, Galicia leva anos demandando un cambio na liña das modificacións europeas.
“É descorazonador comprobar as desfeitas causadas por esta especie sobre o terreo”, lamentou Vázquez rememorando a súa recente visita a unha explotación gandeira en Vilalba e subliñando a necesidade de alcanzar un novo equilibrio entre as necesidades do sector primario e a protección do lobo.
Algo sobre o que Millán Mon apunta que “ata agora estábase primando excesivamente a conservación do lobo, cando o que debemos facer é alcanzar unha coexistencia máis equilibrada” . Por iso fai un chamamento a que “Europa volva poñer o sector primario primeiro” nesta lexislatura.
“Empezamos con bo pe, pero é moi importante que sigamos de cerca as necesidades e preocupacións dun mundo rural que non aguanta máis regulacións e decisións adoptadas sen contar con eles”, finaliza Vázquez.
INICIATIVA DO PARTIDO POPULAR
O cambio aprobado no Comité de Berna comezou cunha resolución aprobada polo Parlamento Europeo en novembro de 2022, a iniciativa do Partido Popular, que instaba á Comisión Europea a revisar a Directiva Hábitats para permitir a coexistencia do lobo e a gandería.
Para que esta modificación fose posible, era necesario modificar previamente o Convenio de Berna, xa que a Unión Europea é parte asinante deste tratado internacional que ten prioridade sobre as normativas europeas. Tras un largo proceso de debate, en decembro de 2023, a Comisión Europea presentou a proposta de cambio que finalmente foi aprobada esta semana.
A modificación do status do lobo permitirá á Unión Europea cambiar a Directiva de Hábitats, o que permitirá aos países adaptar os seus plans de protección, especialmente en áreas onde o lobo xa non está en perigo pero afecta á gandaría. O cambio entrará en vigor en tres meses, salvo obxeccións dun terzo das partes.