Santiago, 10 de decembro de 2019.- A Comisión 3ª do Parlamento galego rematou esta tarde o debate das emendas ao proxecto de lei de orzamentos da Xunta de Galicia para 2020 e o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, co que ambos textos quedan pendentes do seu debate definitivo en Pleno a vindeira semana para a súa aprobación definitiva.
O portavoz popular, Pedro Puy, salientou que “a estabilidade política que vive Galicia volve permitir un ano máis que sexamos unha das poucas excepcións a nivel de España e do resto das comunidades autónomas que conte con orzamentos aprobados en tempo e forma”. “É a mellor forma de trasladar tranquilidade e certeza, tanto aos axentes economicos como á cidadanía en xeral, para que a Comunidade galega sega medrando e creando postos de traballo”, indicou.
A modo de resumo, Puy lembrou que, logo do debate das emendas aos orzamentos en ponencia e comisión, o Grupo Popular aceptou tres emendas: dúas ao Grupo Socialista e unha ao Grupo Común da Esquerda, ademais doutra transacción co Grupo Socialista. A través destas emendas, concrétanse as subas dos salarios aos empregados públicos de acordo coa normativa estatal no mes seguinte desde a notificación da autorización por parte do Goberno central; precísanse algunhas das entidades instrumentais da Administración galega que amortizan avais (como Igape, XesGalicia ou Sodiga); darase a coñecer en formato editable a información orzamentaria que a Xunta remite ao Parlamento; e fíxase a débeda da Comunidade galega no 0,1 por cento do PIB, condicionado co cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria 2020-2022 que terá que aprobar o Goberno de España e o Consello de Política Fiscal e Financeira.
O 75% DAS EMENDAS, AS MESMAS DOUTROS ANOS
“Foi imposible aceptar máis emendas dos grupos da oposición por tres motivos fundamentais, ademais de que tres de cada catro eran as mesmas que xa se rexeitaron outros anos: moitas baseábanse nunhas previsións de ingresos irreais para xustificar o incremento do gasto; outras ían contra a normativa básica do Estado; e tamén había un grupo cuxo contido xa está recollido en leis vixentes de duración indefinida”, explicou Pedro Puy.
Pola súa banda, a viceportavoz Paula Prado salientou que o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas recolle a práctica eliminación do imposto de sucesións en Galicia, facilita a sucesión de empresas familiares; promove a adquisición de vivendas en zonas pouco poboadas coa menor tributación de España; implanta unha dedución verde para favorecer a eficiencia enerxética dos fogares; crea 22 novas escalas de persoal funcionario para facer efectivo o proceso de funcionarización voluntario do persoal laboral fixo; facilita o coñecemento e o control da actividade desenvolvida polas vivendas de uso turístico; e blinda a limitación no número de autorizacións de instalacións de salóns de xogo, salas de bingos e tendas de apostas.