Santiago, 20 de maio de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe que a nova Lei de administración dixital de Galicia “permitirá consolidar unha administración galega totalmente dixital e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos públicos dixitais”.
“Trátase da peza de faltaba para conseguir a reforma integral da administración pública galega e convertela nunha administración máis eficaz, máis eficiente, máis ordenada, máis transparente, de máis calidade e totalmente dixitalizada”, engadiu.
Paula Prado avanzou que o Grupo Popular pedirá mañá na Xunta de Portavoces a inclusión do debate de totalidade desta nova lei no Pleno da vindeira semana, “que suporá a culminación do proceso de reforma administrativa emprendido polo Goberno de Feijóo desde 2009 coa posta en marcha de proxectos lexislativos como a Lei de organización e funcionamento da administración en 2010, a lei de racionalización administrativa de 2013, a lei de garantía de calidade da administración e dos servizos públicos de 2015 e a lei de transparencia e bo goberno de 2016”.
“A nova Lei de administración dixital de Galicia ten dous claros obxectivos: por unha banda, blindar legalmente os mecanismos de dixitalización implantados nos últimos anos na Administración galega, como a sede electrónica, o portal de interoperabilidade, o rexistro electrónico, a sinatura electrónica ou a notificación electrónica; e, por outra parte, aproveitar a dixitalización levada a cabo na Administración galega para cambiar a maneira de prestar servizos, pasando a un modelo de administración máis proactivo, que utilice os datos que manexa da cidadanía para facilitarlle, previo consentimento do usuario, os servizos que lle pode prestar ou ofrecer”, explicou Paula Prado
NINGUÉN QUEDARÁ EXCLUÍDO
Na súa intervención, a viceportavoz popular engadiu que a nova lei tamén se centrará en garantir que ningún cidadán se quede excluído e todos podamos beneficiarnos e facer uso das súas posibilidades”. Deste xeito, está previsto que a Xunta garanta unha oferta de cursos e certificados de competencias dixitais para facilitar o acceso a competencias dixitais de toda a cidadanía e garantirá a especialización dos empregados públicos.
“Ao mesmo tempo, a lei redefine a función dos empregados públicos neste novo contexto de administración dixital”, sinalou Paula Prado, quen destacou como “unha das novidades que incorpora esta lei a figura do empregado público habilitado, que se poderá encargar da tramitación electrónica de procedementos cando así llo autorice o cidadán que carece de capacidades propias para facelo”.
A viceportavoz popular salientou que a nova Lei de administración dixital de Galicia “chega ao Parlamento co apoio unánime das organizacións sindicais presentes na Mesa de Persoal da Xunta”, polo que demandou aos grupos da oposición que “vexan os beneficios que incorpora e apoien a súa aprobación definitiva para conseguir unha administración integramente dixital e universalizar o seu uso e acceso a toda a cidadanía”.