Di que só a súa formación “entende cada recuncho de Galicia” e anima a sumar ideas e talento para obter o apoio maioritario nas eleccións municipais
“A esa maioría que quere un concello próspero temos que lembrarlle que o camiño máis curto para conseguilo é votar ao Partido Popular”, asegurou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante a clausura do Congreso do PP de Chantada, no que Manuel Varela foi elixido presidente.
“Somos un partido unido que quere unir aos cidadáns e iso ten que verse na unión do voto”, afirmou mentres salientaba que á súa formación non só lle chega con gañar. Nese senso, alertou do perigo que supón que os cidadáns busquen “atallos” en organizacións que queren ser coma o PP, “porque ese pode ser un voto perdido”; ou que opten por forzas que se autodenominan progresistas e resultaron ser “un paso atrás”.
Como destacou, os populares teñen un proxecto común e 313 obxectivos para cada un dos concellos galegos, sendo o único partido “que pode estar en cada recuncho de Galicia e entender cada recuncho da nosa terra”. Por este motivo, animou a continuar sumando achegas, ideas e talento para que, en maio 2023, “sigamos sendo nós os que contemos co apoio maioritario dos veciños”.
Na mesma liña, explicou que, no camiño que queda por percorrer ata as eleccións municipais, “cada paso conta”: “Cada conversa na rúa e cada contacto cos nosos veciños, cada proposta que incorporemos ao noso proxecto, cada persoa que queira sumarse e cada equipo que formemos”.
CHANTADA QUERE VOLVER DICIR SI AO PP
“Chantada está agardando polo 28 de maio de 2023 para volver dicir si ao proxecto común do partido que mellor coñece aos concellos de toda Galicia, á maioría absoluta dun partido e un candidato que queren ofrecer seguridade aos veciños e á persoa con máis preparación e ideas para que Chantada siga tendo ilusión. Dicir si ao Partido Popular e a esa persoa que se chama Manuel Varela”, manifestou Prado no conclave local, onde tamén agradeceu o labor realizado nos últimos sete anos polo presidente saínte, Javier Medela.
Igualmente, aclarou que os chantadinos tamén esperan aos comicios municipais do próximo ano “para dicir non ao PSOE, co seu sucursalismo da Moncloa; e non á visión distorsionada da nosa Comunidade que quere trasladar o BNG”.
“Queremos máis PP en Chantada e cremos que é a única forma de que este municipio siga crecendo”, subliñou mentres resaltaba que esta localidade é unha mostra da estabilidade que achega a súa formación e un exemplo para o resto dos concellos da provincia de Lugo.
Así mesmo, dirixiuse a Manuel Varela poñendo en valor a súa traxectoria e o seu balance de xestión de dúas décadas: “Segue pensando en Chantada e acertarás. Nas necesidades dos chantadinos está todo ao que debemos responder e nas oportunidades do municipio está todo o que podemos ofrecer”.