A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, logo da reunión celebrada o pasado venres entre Alfonso Rueda e Pedro Sánchez considera que “é unha pena que un presidente autonómico digno tivese enfronte a un presidente do Goberno de España que é indigno para todos os galegos e galegas”, xa que “cando se trata de Galicia, Sánchez prefire non declarar”.
Nunha rolda de prensa ofrecida hoxe na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos tildou de “frustrante” que o presidente Rueda acudise a esta reunión “cun documento de 50 folios con peticións de Galicia, ben argumentadas e acreditadas” e a outra parte “fixese oídos xordos”.
Prado ironizou neste sentido asegurando que “Sánchez está collendo gusto a dicir o que lle respondeu ao xuíz Peinado” e que a súa resposta a todo o que ten que ver con Galicia é sempre a mesma: “Me acojo a mi derecho a no declarar”. Citou así o silencio do presidente do Goberno ante cuestións tan importantes como a transferencia e a gratuidade da AP-9, a mellora das conexións ferroviarias, o AVE Vigo-Porto, a chegada dos fondos europeos comprometidos ou o apoio a proxectos industriais estratéxicos.
Unha actitude que tamén se manifesta na “máis que probable” ausencia de Presupostos Xerais do Estado en 2025. “Unha consecuencia lóxica dun Goberno que cada vez ten máis pinta de Frankenstein, unha mostra máis da súa inestabilidade permanente, unha submisión absoluta ao independentismo e unha tomadura de pelo que o PSdeG e o BNG aplauden cada día desde Galicia”, apunta a secretaria xeral recordando ademais que todo isto se da “mentres se negocia un pacto fiscal con Cataluña co que cada galego e cada galega perderían 495 euros”.
“Moito ten que aprender Sánchez da Xunta de Galicia, que o próximo mes vai presentar os seus Orzamentos e que serán xa os décimo quintos que se aprobarán de forma consecutiva en tempo e forma para arrancar con eles o 1 de xaneiro”, concluíu ao respecto.
PROTESTA POLA LIBERDADE DE VENEZUELA EN GALICIA
Paula Prado tamén lamentou que tanto o PSOE como o BNG sigan negándose a recoñecer a Edmundo González como presidente de Venezuela e sigan incapaces de dicir que “o que hai nestes momentos en Venezuela, baixo o mando de Nicolás Maduro, é unha ditadura”.
Mostrouse especialmente crítica coas “declaracións vergoñentas” do expresidente Zapatero, ao que definiu como “embaixador de Maduro en España” e lle afeou que tivese o atrevemento de dicir que garda “lealdade” a Venezuela na presentación dun libro que leva por título La democracia y sus derechos.
Por todo isto e moito máis, anunciou que o PPdeG estará presente este sábado, a partir das 8 da tarde, na gran protesta mundial pola liberdade de Venezuela que terá citas en todas as cidades e vilas galegas.
153 ALCALDÍAS CO SELO DA ESTABILIDADE E O SENTIDIÑO
A secretaria xeral do PPdeG aproveitou ademais a súa comparecencia para felicitar a Pablo Barcia logo da súa elección esta mañá como novo alcalde do concello de Mondariz: “Pablo sabe moi ben o que hai que facer e como facelo para conseguir que o seu concello volva á senda do éxito”.
Deste xeito, o partido suma xa 153 alcaldías en toda Galicia e continúa sendo o partido con máis representantes. Todos eles, tal e como subliñou con orgullo Paula Prado, co “selo da estabilidade e o sentidiño do PPdeG”.