A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, considera que o Bono Deporte e as novas axudas á dependencia promovidas desde o Goberno galego son dous dos mellores exemplos de que o presidente Alfonso Rueda goberna “pensando nas prioridades dos galegos desde o berce ata o bastón”.
Así o manifestou esta tarde na merenda-coloquio con afiliadas e simpatizantes organizada polo PP da Coruña e na que estivo acompañada polo presidente local do partido, Miguel Lorenzo. Unha ocasión que a número dous dos populares galegos aproveitou para poñer en valor que “se Galicia é hoxe unha illa de estabilidade a nivel nacional é porque os galegos teñen en Alfonso Rueda un presidente dedicado a xestionar desde a tranquilidade, axudar ás familias, ofrecer estabilidade, defender os intereses da Comunidade e traballar por un futuro mellor”.
Do Bono Deporte explicou que estará operativo desde o 8 de xaneiro ata o 29 de febreiro, e que poderá empregarse ata o 1 de xullo. Trátase dunha axuda de 120 euros que permitirá ás familias adquirir material e equipamento deportivo, así como sufragar o custo de actividades deportivas escolares ou federadas, cun desconto do 80% dos gastos.
No que se refire ás axudas do Goberno galego á dependencia, Paula Prado subliñou que, co novo Bono Coidado no Fogar e co complemento universal ao Bono Residencia, Galicia convértese na primeira comunidade que emprende o camiño cara a universalización do sistema de coidados a persoas dependentes. “Se queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir, ten que ser tamén o mellor lugar para envellecer”, asegurou neste sentido.
Para a secretaria xeral do PPdeG estas e as numerosas medidas pioneiras que está adoptando o goberno de Alfonso Rueda demostran que “Galicia non para” fronte a un Goberno central “disposto a todo con tal de que Pedro Sánchez conserve o seu sillón na Moncloa” e un “cuatripartito” conformado por PSdeG, BNG, Sumar e Podemos que “priman os seus intereses partidistas a costa de esquecerse dos intereses dos galegos”.
“A CORUÑA CONFÍA NO PP E O PP SEMPRE LLE DEVOLVERÁ AOS CORUÑESES ESA CONFIANZA CON FEITOS”
Como exemplo do prexudicial que resulta o goberno de Pedro Sánchez para A Coruña, Paula Prado recordou a negativa do Goberno central a transferir a AP-9 e as elevadas peaxes que teñen que pagar os seus usuarios, así como a falta de conexión da cidade coa Alta Velocidade e os continuos atrasos e deficiencias na liña ferroviaria do Eixo Atlántico.
Cuestións que, tal e como explicou, seguen sen resolver e demostran que “as peticións dos alcaldes do PSOE galego non teñen ningunha influencia na Moncloa”. De aí que asegurase que “ante a falta de alternativa, os coruñeses poderán contar sempre coa defensa dos seus intereses que, con Alfonso Rueda á fronte, seguiremos facendo desde o PPdeG”.
A número dous dos populares galegos quixo tamén poñer en valor “o gran traballo de escoita e proposta de solucións ás cuestións da cidadanía da Coruña” que está levando a cabo a agrupación local liderada por Miguel Lorenzo, recordando que o PP foi o partido que gañou as eleccións municipais do pasado 28 de maio. “Os coruñeses e coruñesas confían no PP e o PP sempre lles devolverá con feitos esa confianza”, engadiu.