Visita en Lobios a aldea de Puxedo coa Comisión de Medio Ambiente, presidida por Marisol Díaz Mouteira, coa alcaldesa, Carmen Yáñez, e con Enrique de Salvador
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, asegurou que o PPdeG seguirá apostando polo “fermosismo” e reivindicando a Galicia rural fronte ao “ecoloxismo radical do BNG e do Goberno de Pedro Sánchez”: “Somos maioría os que cremos nunha Galicia na que se poida vivir no rural e co rural, e desde o Partido Popular imos seguir impulsándoa”.
Durante unha visita á aldea de Puxedo, en Lobios, xunto aos membros da Comisión de Medio Ambiente do partido, presidida pola coordinadora de área, Marisol Díaz Mouteira, xunto á alcaldesa do municipio, Carmen Yáñez, e xunto a Enrique de Salvador; Prado incidiu na defensa dunha Galicia “verde, que incremente a súa poboación no rural e afastada dos ecoloxismos radicais que pretenden acabar con ela”.
Nese senso, salientou o compromiso da Xunta co “fermosismo” e co coidado da paisaxe, como reflicten os Orzamentos para 2023. De feito, a Consellería de Medio Ambiente presenta mañá no Parlamento as súas contas, que incorporan por terceiro ano consecutivo unha ferramenta impulsora do “fermosismo”: dúas liñas de axudas —unha destinada a particulares e outra a concellos— para a corrección de impactos paisaxísticos, que en 2023 chegarán a un presuposto de 2 millóns de euros.
Cómpre recalcar que se trata dunhas subvencións implantadas de xeito pioneiro nas que o Goberno galego xa investiu 5,6 millóns de euros que chegaron a preto de 1.500 particulares para obras nas súas propiedades e a 110 concellos para os seus edificios municipais e elementos etnográficos.
PUXEDO, UN EXEMPLO DE “FERMOSISMO”
Os populares tamén puxeron en valor o traballo realizado na aldea de Puxedo, “un exemplo de fermosismo” que se caracteriza por unha arquitectura tradicional, con numerosas construcións etnográficas relacionadas co ciclo do pan.
Como destacou Pablo Rodríguez, presidente da Asociación de Veciños de Puxedo e membro da Comisión de Medio Ambiente do PPdeG, nos últimos dous anos e ao abeiro da convocatoria de axudas para o “fermosismo” da Xunta leváronse a cabo 33 proxectos de revestimento de fachadas e recubrimento de tellados con tella cerámica característica da zona.
“O resultado deste impulso é que se recuperaron unha gran cantidade de construcións e a aldea volveu recobrar vida”, dixo explicando que, na actualidade, hai dez casas en rehabilitación propiedade de veciños que xa non vivían na aldea pero que buscan poder volver desfrutar dela.
Así mesmo, Rodríguez resaltou o labor da Asociación de Veciños de Puxedo nos últimos 12 anos, que permitiu recuperar elementos tradicionais como os muíños, os hórreos, o forno de pan comunitario ou a adaptación do pavimentos das rúas á arquitectura da contorna. Igualmente, remarcou a posta en marcha de actividades culturais como as Xornadas Etnográficas arredor do ciclo do pan.