A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou hoxe que o ministro Óscar Puente siga opoñéndose ao traspaso e á gratuidade da AP-9 escusándose en que é “tremendamente difícil” cando a realidade é que “esta negativa débese unicamente á que a vontade política do Goberno central para facelo é tremendamente baixa”.
Prado esixiu neste sentido a PSOE e BNG que “polo ben dos galegos e galegas” desbloqueen a transferencia e a gratuidade da autopista do Atlántico, tal e como comprometeron en campaña electoral e tal e como fai o Goberno de Sánchez noutros casos. “Mentres a outros territorios traspásaselle a titularidade das autoestradas e fanse gratuítas, a Galicia négaselle o mesmo e ademais temos que sufrir ano a ano subas das peaxes”, engadiu.
“Queremos que a AP-9 deixe de estar entre as máis caras de España e que o Goberno cumpra a promesa da gratuidade. Queremos que a súa titularidade e centro de decisión, como tamén comprometeron, pase a estar en Galicia”, concluíu apuntando a que o Goberno de Pedro Sánchez podería tomar exemplo do Goberno de Rueda en materia de infraestruturas.
Así o asegurou en declaracións aos medios esta mañá nunha visita ao punto do concello de Sanxenxo no que remata a autovía do Salnés. Unha autovía que, xunto á do Barbanza, a de Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión, pasará a ser de propiedade pública e será xestionada directamente pola Goberno galego.
Tal e como anunciou o presidente Alfonso Rueda, recuperarase a concesión destas catro vías, eliminando as peaxes en sombra que se viñan pagando e aforrando máis de 30 millóns de euros ao ano ás arcas públicas galegas “que poderán destinarse ao benestar dos galegos e galegas e a cuestións como a vivenda ou a mellora doutras infraestruturas”.
Esta decisión, concluíu a secretaria xeral do PPdeG, demostra o compromiso do seu partido na mellora das infraestruturas galegas: “É un tema que nos ocupa e nos preocupa e no que o presidente Rueda e o seu equipo seguen traballando”.
MARÍA DEZA: “ESTA MEDIDA REDUNDARÁ NO BENEFICIO DE SANXENXO”
Pola súa banda, a tenente de alcalde do Concello de Sanxenxo e deputada no Parlamento de Galicia, María Deza, quixo tamén insistir no beneficio que supón para todos os galegos e especialmente para os sanxenxinos o feito de que as arcas autonómicas vaian aforrar preto de 330 millóns de euros con esta decisión.
“Redundará no interese dos nosos veciños na medida en que permitirá a mellora de infraestruturas autonómicas dentro do noso municipio como son o tramo da PO-309 ata a rotonda de Arnelas ou o tramo da PO-308 ata a circunvalación”, explicou.
Referíndose ao compromiso do Goberno galego de destinar unha parte importante destes cartos á execución de vivenda pública, María Deza puxo en valor que o Concello de Sanxenxo xa traballa na adquisición de terreos para poñer a disposición da Xunta para a execución de vivenda pública no termo municipal.