A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, anunciou hoxe que o partido presentará iniciativas en todos os concellos, deputacións e no Parlamento para deixar clara a súa “aposta pola igualdade fronte ao privilexio dos independentistas”.
Recordando a abstención do PSOE esta mesma semana na Cámara galega “cando se lle preguntou por cumprir a Constitución”, incidiu en que esta reivindicación da igualdade de todos os españois será o que os populares defenderán este domingo nun acto que se celebrará en Santiago de Compostela, coa presenza de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo e no que dará a benvida a deputada Marta González.
“Baixo o liderado de Alfonso Rueda en Galicia, somos o único partido que pode ofrecer estabilidade, certezas e un futuro digno á nosa Comunidade e o único que pode contribuír, desde aquí, a darlle un futuro digno a España”, explicou ao tempo que aseguraba que Feijóo é a persoa que vai liderar ese camiño.
Incidiu neste sentido en que o presidente nacional do PP é o único candidato proposto polo Rei para ser investido presidente e o único que está sendo “claro e contundente” na súa postura: “Non gobernará a calquera prezo, senón que anteporá sempre os intereses xerais, a igualdade dos españois e a Constitución. Non aceptará poxas, nin atallos, nin chantaxes, nin que haxa unha Comunidade, Cataluña, que leve por diante a todas as demais”.
DESPREZAR AO PPdeG É DESPREZAR AOS GALEGOS
Paula Prado reivindicou os resultados acadados polo PP en Galicia nas eleccións municipais e xerais para esixir respecto aos partidos da oposición: “O seu desprezo non é só ao PPdeG, senón, por exemplo, aos 700.000 galegos e galegas que nos apoiaron nas xerais”.
A número dous dos populares recordou que o 43,5% dos votos da nosa Comunidade foron para o PP, que obtivo a maioría absoluta dos deputados, con 13, e todos os senadores que era posible lograr, un total de 12. E, a este respecto, concluíu: “Neste momento, nas Cortes Xerais, hai un total de 27 representantes do PPdeG fronte aos 15 que suman todos os partidos galegos de esquerda”.
Dirixíndose directamente a estes partidos, Paula Prado pediu a Sumar que “empece a ser un partido humilde se non quere, aínda que xa o é, converterse en Restar” e recriminou a Yolanda Díaz que “se negue a sentarse con Feijóo e non teña problema en sentarse cun prófugo da Xustiza”.
“Non nos sorprende, aquí en Galicia sabemos de sobra que Yolanda Díaz fará calquera cousa, calquera, con tal de seguir trepando”, engadiu.
Ao BNG definiuno como “un partido independentista, afastado completamente do sentir de Galicia e que xa anunciou que lle dará outro cheque en branco a Sánchez” e recordou “o orgullo co que apoian a amnistía e o referendo para Cataluña”. De aí que a secretaria xeral do PPdeG se preguntara se este é o modelo que o nacionalismo quere para Galicia.
Paula Prado concluíu referíndose ao PSdeG, ao recomendou “tomar en serio a Galicia” logo de que “se atrevan a criticar a Feijóo ou á Xunta cando non din absolutamente nada do seu amado líder Pedro Sánchez”. A este último definiuno categoricamente como “o presidente do Goberno que máis dano fixo a Galicia na historia da democracia”.
“Non se lle pode pedir moito a un partido que nin sequera é capaz de celebrar unhas primarias, nin respectar aos seus referentes históricos, nin pedir perdón por unha lei tan nefasta como a do ‘só si é si’, que beneficiou xa a 1.200 agresores sexuais e que supuxo o maior retroceso contra os dereitos das mulleres no noso país”.