Santiago, 27 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a pandemia da Covid-19 “está a acelerar procesos nos que xa estábamos traballando e que van influír na innovación da nosa economía, na conservación do medio ambiente e en facer fronte a retos que tiña Galicia, como o demográfico”.
? Afrontamos a XI Lexislatura no @Par_Gal con responsabilidade, suxeitos á evolución da pandemia e o reto e a situación económica e social de Galicia require da participación e o concurso de todo o mundo para superar isto, di Pedro Puy en RNE-Galicia @RTVEGalicia @ppdegalicia pic.twitter.com/U6zMhwnuOr
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 27, 2020
Nunha entrevista en Radio Nacional, incidiu na “capacidade de diálogo” amosada polo PPdeG e advertiu que “a minoría non pode pretender que os acordos se centren no que os galegos acaban de rexeitar nas eleccións autonómicas”. Ademais, defendeu a creación dunha Comisión de Estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia “que permita mirar cara adiante, e non unha comisión de investigación que se centre en mirar cara atrás exclusivamente e illar a problemática das residencias de maiores do conxunto das demais cuestións” afectadas pola pandemia sanitaria.
Pedro Puy manifestou que “a pandemia sanitaria inflúe en todo, na economía, no emprego, na prestación dos servizos públicos e no seu financiamento”, e sinalou que “a propia baixada estrepitosa do produto interior bruto que están a vivir todos os países, pero España con especial intensidade, vai facer máis complicado manter os servizos públicos, que á súa vez están máis esixidos na prestación de máis atencións á poboación”.
Deste xeito, avogou por “potenciar aquelas cuestións que xa se estaban facendo desde a Administración autonómica que vimos que son moi útiles e importantes en relación á crise da Covid-19”, como a dixitalización da educación, para facilitar a relación online de profesores e alumnos; a relación do cidadán coa administración e a tramitación de expedientes administrativos; ou a incorporación de novos instrumentos á sanidade, como o Telea, que permite seguir aos pacientes desde o seu domicilio.
ACELERAR PROCESOS
“O que está a facer a crise da pandemia é acelerar procesos nos que xa estabamos traballando e que van influír na innovación da nosa economía, na conservación do medio ambiente; e tamén facer fronte aos retos que tiña o país, como o demográfico, con cifras que nos fan preocupar porque é evidente que Galicia, con outras sociedades próximas occidentais, está afrontando unha cuestión a medio e longo prazo moi difícil como é a do envellecemento da poboación e a necesidade de ter un maior crecemento de poboación nova”, sinalou.
O portavoz do Grupo Popular lembrou que “temos demostrado ao longo dos últimos anos moita capacidade de diálogo, aprobando iniciativas presentadas pola oposición, admitindo nas leis que trae o Goberno galego numerosas das súas emendas e chegando a acordos moi importantes, por exemplo no ámbito da loita contra os lumes forestais”.
Pero advertiu que “quen dialoga debe ser consciente do respaldo que ten cada un”. “Os pactos, despois dunhas eleccións que deron unha boa radiografía de cales son as solucións que demanda a poboación e cal é o posicionamento xeral respecto dos problemas dos galegos, deberían permitir un certo acercamento cara a posturas máis centradas”, sinalou.
APROXIMAR E SUMAR ESFORZOS
Pedro Puy asegurou que “estamos dispostos a abrir o noso programa electoral apoiado pola maioría dos galegos porque a realidade vai demandar cuestións que era imposible de prever”. “É bo que haxa un contacto entre os grupos parlamentarios para atopar as mellores saídas aos problemas que se presenten”, pero advertiu que “o que non pode a minoría é pretender que os acordos se centren no que os galegos acaban de rexeitar nas eleccións galegas”.
“Estamos dispostos a aproximarnos e sumar esforzos, e imos ver na Comisión para a reactivación económica, social e cultural de Galicia que creamos no Parlamento galego se somos capaces de achegarnos nas posturas, pero tendo en conta que a cidadanía de Galicia se pronunciou por determinadas cuestións que están moi alonxadas dalgunhas das que defende o BNG”, dixo.
Neste sentido, reiterou que “estamos de acordo cos obxectivos de repensar o sistema de residencias e a coordinación entre o sistema sanitario e as residencias de maiores e discapacitados”, porque “hai que ver que pasou e como podemos mudar todo isto para que no futuro os residentes estean máis protexidos”. “Todo iso queremos facelo nunha comisión de estudo que, entre outras cousas, permite mirar cara adiante, e non nunha comisión de investigación que miraría cara atrás exclusivamente e illaría a problemática das residencias do conxunto das demais cuestións”.
POSICIÓNS IDEOLÓXICAS DO BNG
Cuestionado sobre a disposición do BNG a buscar pactos durante a presente lexislatura, avanzou que “imos ver como evoluciona, porque está en posicións máis firmes e alonxadas do que é o consenso máis amplo que temos con outras formacións como o Partido Socialista”. Así, concretou que a proposta nacionalista de cupo para o financiamento de Galicia “está moi lonxe do que defendemos os demais partidos, que é un sistema de financiamento autonómico reformado pero na liña do que existe, porque sería un mal negocio económico e financeiro para Galicia porque perderíamos moitos cartos na prestación dos servizos públicos para Galicia”.
“O debate de fondo vén condicionado porque o BNG, vendo o que propón e o seu programa electoral, está en posicións ideolóxicas máis alonxadas ou extremas en relación a outros partidos como o PSOE”, manifestou o portavoz popular. Neste sentido, engadiu que “non hai máis que ver as súas coalicións e socios no Parlamento Europeo ou no Congreso para darnos conta de que, se ben nas formas imos ganar nesta lexislatura, no fondo dos debates hai unha certa polarización e unha postura que está máis alonxada da maioría que representamos desde a perspectiva ideolóxica, e iso afecta a materias como financiamento ou autogoberno; e porque é un partido moito mais intervencionista que o socialista”-
RESPONSABILIDADE COA NOVA MAIORÍA
Respecto do resultado das últimas eleccións autonómicas, Pedro Puy sinalou que “asumimos a nova maioría con responsabilidade”, porque “sabemos que o reto e a situación económica e social de Galicia require a participación e o concurso de máis dunha forma política”. “É necesario que participemos todos, implicando a forzas sindicais, empresarios e organizacións de traballadores, porque a situación é certamente moi difícil”.
O portavoz popular asegurou que “o que máis me sorprendeu do resultado das últimas eleccións galegas foi que se producira un retorno tan rápido a unha representación das tres forzas clásicas políticas de Galicia, e que os grupos afíns a Podemos, que incluso participan no Goberno de España, non tiveran representantes no Parlamento galego”.
“O electorado premiou dúas cousas: a coherencia e o traballo”, indicou. Deste xeito, lembrou que “se un analiza como transcorreu a última lexislatura, os grupos máis coherentes e máis cohesionados, e que traballaron máis en iniciativas cara a opinión pública e no propio traballo parlamentario, foron as dúas máis votadas en Galicia”.