5 de febreiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe nunha entrevista en Radio Nacional de España que “todo o desenvolvemento do sector eólico que está a facer a Xunta de Galicia realízase polas canles que marca a Lei e co beneplácito da Asesoría Xurídica”.
De cara ás vindeiras eleccións municipais, avogou porque “a boa sensación” existente logo da transición levada a cabo no PPdeG coa marcha de Feijóo e a chegada de Rueda se traslade a “unha mellora dos resultados” respecto dos anteriores comicios locais de 2019.
Pedro Puy puxo de manifesto a “fonda división” existente entre os grupos da oposición respecto do sector eólico, xa que “temos críticas por parte do BNG de que se está indo moi lonxe, mentres o PSdeG critica a lentitude no desenvolvemento do potencial eólico de Galicia”. “O que cremos é que se está a facer un esforzo por parte da Xunta, na liña do que marca Europa e o Goberno de España, cumprindo todas as normas”, indicou.
CONTRADICIÓNS DO BNG
O portavoz popular sinalou que a proposta do BNG de crear unha comisión de investigación no Parlamento galego sobre o desenvolvemento do sector eólico “entra dentro da campaña contraditoria que está a facer: defendendo as enerxías limpas e o seu desenvolvemento, pero cada vez que hai un proxecto aparece coa súa plataforma cuestionando a instalación dese parque eólico”.
Respecto da polémica sobre o uso partidista dos espazos comúns do Parlamento galego, Puy lembrou que “os grupos parlamentarios temos as nosas instalacións onde reunirnos e facer discursos de parte, e hai outros espazos que representan ao conxunto da Cámara e á propia institución”. “Todo iso está recollido nunhas normas e o caso é que esa escalinata, que é a porta principal de entrada ao Parlamento e atópase dentro do recinto institucional, é onde se expresa a vontade unánime da Cámara cando se condena un crise machista ou terrorista”, polo que “cremos que é bo manter ese espazo común onde moitas veces podemos expresar unha opinión conxunta e non dedicalo a trasladar mensaxes políticas de parte”, dixo.
Cuestionado sobre os beneficios das entidades bancarias, Pedro Puy explicou que “os bancos compren unha función moi importante para financiar o investimento e nestes momentos engadirlles unha carga fiscal pode resultar contraproducente pola función que están a desempeñar no conxunto do sistema económico”. Neste sentido, considerou “demagóxica esa afirmación de que os bancos están ganando moito este ano, porque no fondo é unha forma de facer unha política fiscal alonxada do que o Goberno de Pedro Sánchez dixo que ía facer, que era unha reforma fiscal integral”. “Os bancos pagan os seus impostos e xa veremos que é o que se di a nivel europeo, porque hai unha ruptura do principio de xeneralidade nun sector que xa está moi regulado”, concretou.
MELLOR ACOLLIDA
Para rematar, Pedro Puy asegurou ver “ben” o traballo que está a facer Alberto Núñez Feijóo como Presidente do Partido Popular. Así, indicou que, “do mesmo xeito que fixo en Galicia, a oposición que está a facer é con alternativas e propostas, que moitas veces desde o Goberno de Pedro Sánchez e o PSOE tratan de tapar con descualificacións persoais”.
“No ámbito económico presentou un documento extenso con medidas, moitas delas adoptadas despois polo Goberno socialista con retraso; e máis recentemente, fixo o mesmo no ámbito das reformas institucionais para reforzar o estado de dereito”, recordou, polo que asegurou que neste momento “o PP está a ter moita mellor acollida e as enquisas demostran que nestes momentos sería a forza política máis votada”.