Santiago, 29 de novembro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe por axilizar os traballos da Comisión de Estudo sobre a reforma do financiamento autonómico, que mañá celebrará a súa primeira reunión, co obxectivo de que nas primeiras semanas do vindeiro mes de xaneiro se celebren as comparecencias e se elaboren as recomendacións.
“Temos que ser capaces de conciliar a capacidade de ter autonomía fiscal polo lado do ingreso co mantemento por parte do Estado da capacidade de financiar o estado de benestar, que é o principal elemento de redistribución que ten o noso país”, manifestou.
Pedro Puy informou que na sesión da Comisión 3ª do Parlamento galego celebrada esta mañá aprobouse o ditame do proxecto de Lei do Plan galego de estatística 2022-2026, unha norma “de carácter técnico que afonda na transparencia, calidade e accesibilidade da información que manexa o Instituto Galego de Estatística”. Neste sentido, salientou que o IGE “é unha das institucións autonómicas que temos máis consolidada” e apuntou que “tratamos de reforzalo mantendo a súa independencia profesional e imparcialidade, a obxectividade da información e a calidade dos seus traballos”.
Respecto da Comisión de estudo para abordar a proposta de Galicia diante da modificación do sistema de financiamento, Puy avogou por axilizar os seus traballos xa que “é algo no que xa se leva tempo traballando e parece que o Goberno central vai facer pública unha proposta de financiamento autonómico sen ter convocado previamente o Consello de Política Fiscal e Financeira”.
CLARIDADE E CONCRECIÓN
O portavoz popular lembrou os traballos parlamentarios xa realizados sobre financiamento, aos que se engade a “reunión celebrada a pasada semana en Santiago coa presenza de oito presidentes autonómicos con problemas semellantes respecto do financiamento autonómico, como a baixa dinámica demográfica, o despoboamento ou o custo diferencial dos servizos públicos que se prestan”.
Sobre o reparto dos fondos europeos, Pedro Puy recordou que “levamos meses pedindo claridade e concreción por parte do Goberno de España” porque a súa aplicación da mellor forma posible “reforzará o proxecto de construción europea”. Deste xeito, indicou que “o fracaso con estes fondos sería unha desgraza para nós, como receptores deses fondos, e para a Unión Europea, que perdería unha oportunidade de dar un paso adiante cara unha maior perfección nos procesos de decisión no ámbito económico”.
Cuestionado sobre o modelo de financiamento proposto polo BNG, o portavoz popular descartou “un sistema de cupo, porque é unha ruína para Galicia e os expertos din que sería moi prexudicial para a nosa comunidade autónoma”.
AVANCES NA AUTONOMÍA FISCAL
Puy explicou que “se ten avanzado moito no ámbito da autonomía fiscal, con impostos que xa están cedidos, e temos unha capacidade normativa importante que afecta á metade da tarifa do imposto sobre a renda das persoas físicas soportada polos contribuíntes”
“Estamos abertos a suxestións, sempre tendo en conta que o que xenera desigualdade é o propio funcionamento dos mercados”, manifestou o portavoz popular, quen manifestou que “rachar eses procesos que permiten que a riqueza que se distribúe desigualmente polos mercados teña unha redistribución máis xusta a través dos poderes públicos é ir en contra de todo o que a ciencia da facenda pública ten avanzado nas últimas décadas, así como quebrar un principio de igualdade básica que se traduce nun sistema fiscal progresivo e nun estado de benestar que debemos de manter”. Deste xeito, afirmou que “o interese de Galicia é que se manteña a capacidade de redistribución tanto do Estado como da Unión Europea”.