Santiago, 17 de setembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe porque as comisións de investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo e sobre a situación da sanidade galega “sexan útiles para coñecer a verdade”, polo que avanzou que “non imos converter nin esta nin outra actividade parlamentaria nun circo ou nunha tarefa interminable”.
Pedro Puy explicou que o Grupo Popular xa comezou esta mañá na súa reunión habitual dos luns a preparar estas dúas comisións de investigacións impulsadas polos grupos da oposición. Neste sentido, lembrou que “xa fora o PPdeG, estando na oposición, quen solicitara habilitar a posibilidade de crear comisións de investigación sen o apoio dunha maioría de deputados, pero houbo que esperar ata a pasada lexislatura, dentro das iniciativas de impulso democrático anunciadas por Alberto Núñez Feijóo, cando se reformou o regulamento para mellorar as accións de control ao Goberno por parte da oposición”.
INSTRUMENTO SÓ EN DOUS PARLAMENTOS
“So dous parlamentos en España, o galego e o catalán, dispoñen deste instrumento e da mostra de que a maioría no Parlamento galego facilita o traballo da oposición, convencidos de que hai que reforzar os instrumentos da democracia representativa”, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, salientou que “a saúde democrática deste Parlamento é moi alta, con independencia de que a oposición exercite con maior ou menor fortuna e responsabilidade a análise e crítica do que fai o Goberno”.
Respecto da comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, Puy manifestou que “a Xunta ten dado explicacións de como exerceu as súas competencias a través da comparecencia do Vicepresidente no Pleno da semana pasada”, lamentando que “iso non está a ocorrer noutras administracións, como o Concello de Vigo, onde se se tivera actuado co mesmo espírito de transparencia hoxe non estaríamos falando desta comisión de investigación”.
ABSOLUTA TRANQUILIDADE
Sobre a comisión de investigación da sanidade galega, o portavoz popular asegurou que “a abordamos con absoluta tranquilidade e traballaremos para que se saiba cal é o estado real da sanidade en Galicia”. “Non temos nada que ocultar”, porque “temos a conciencia tranquila á vista dos moitos e positivos resultados que se están a conseguir na sanidade galega, tanto en termos propios como en comparación con outras comunidades autónomas”, sinalou.
Cuestionado sobre as posibles comparecencias que terán lugar nesta comisión de investigación, Puy avanzou que “aceptaremos as propostas que sexan útiles para cumprir o obxectivo da comisión e rexeitaremos as que non persigan este obxectivo ou sexan redundantes”. “Se trata de facer algo construtivo a fin de que a sanidade pública galega, das mellores do mundo, poida seguir mellorando e nos estaremos receptivos a acoller as propostas da oposición, sempre que non deterioren a boa imaxe que xa ten a sanidade entre os galegos”, indicou.