Santiago, 19 de xullo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “sorprendente” e “incongruente” o voto en contra dos grupos da oposición ao conxunto do ditame da Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19, cando o BNG só se opuxo ao 28 por cento das propostas e o PSdeG se abstivo en todas as votacións parciais.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación facendo unha referencia ao Congreso que o PPdeG celebrou esta fin de semana, que trasladou “unha imaxe que responde á realidade: unidade no fundamental no conxunto do PP de España e unidade en canto ao liderado e ao traballo conxunto e coordinado de todo o PP de Galicia”.
PROTAGONISMO DO GRUPO POPULAR
Neste sentido, celebrou “o protagonismo” que tiveron os deputados do Grupo Popular neste Congreso, tanto a través da elaboración das ponencias como coa súa presenza nos órganos directivos que saíron deste conclave. “Ademais dos membros natos, oito deputados asumiron responsabilidades tanto no Comité Executivo como na Xunta Directiva”, concretou.
Así mesmo, Pedro Puy salientou o desenvolvemento do intenso Pleno celebrado a pasada semana no Parlamento galego, “positivo tanto para a institución parlamentaria como para o conxunto de clima político do país, e unha demostración da normalidade institucional coa que se traballa en Galicia”. Neste sentido, lembrou que nesta sesión plenaria nomeáronse os novos conselleiros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, se debateron as conclusións do informe da Valedora do Pobo e aprobouse a Conta Xeral de Galicia de 2019; se aprobaron tres iniciativas lexislativas; e saíron adiante acordos transcendentes a curto prazo en materia laboral en relación co estaleiro de Vulcano en Vigo, a intervención de Alcoa en A Mariña, a petición de carga de traballo para os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol, ou a retirada do recurso do Goberno central contra a Lei de saúde de Galicia.
O portavoz popular salientou a aprobación do ditame da Comisión de estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19, “co voto en contra da oposición a pesar de existir un elevado nivel de acordo en temas específicos”, como se demostrou nas votacións por separado das propostas deste documento.
Deste xeito, manifestou que “sorprendeunos moito a incongruencia do PSdeG, que se abstivo en todas as votacións por separado do ditame, pero votou en contra do texto en conxunto”. Respecto do BNG, Pedro Puy subliñou que “só votou en contra do 28 por cento das máis de 500 medidas que incorpora o ditame da Comisión de Reactivación”
DIÁLOGO
Pedro Puy subliñou que este resultado é “froito de abordar todo con diálogo” e lembrou que desde o Grupo Popular ofrecéronse máis de 100 propostas de transaccións aos grupos da oposición, incorporando ao ditame definitivo cuestións como que o 24 por cento do fondo de consenso sexa xestionado polos concellos ou incrementar a partida destinada ao Servizo de Axuda no Fogar.
Por último, o portavoz popular manifestou que “está ben que haxa posturas alternativas”, pero sinalou que o BNG se opuxo a manter ou rebaixar a presión fiscal aos galegos ou á simplificación da normativa para a tramitación dos fondos europeos, e defendeu que todos os servizos rematen sendo públicos, “cando a iniciativa privada tamén pode tomar iniciativas propias”