Santiago, 25 de maio de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou hoxe que a sociedade galega manteña a responsabilidade e esforzo colectivo que viu facendo durante os últimos meses para que “Galicia vaia recuperando ámbitos de liberdade e poida estar fóra do ámbito de aplicación do Estado de Alarma en breve prazo”.
Puy iniciou a súa comparecencia telemática ante os medios de comunicación trasladando “o sincero e sentido pésame ás familias dos 614 falecidos con coronavirus en Galicia, así como ánimo aos máis de 800 galegos que aínda padecen este virus” na Comunidade galega.
Na súa intervención, e unha vez convocadas as eleccións, o portavoz popular avaliou positivamente o acordo acadado para manter a actividade de control na Deputación Permanente e, neste sentido, salientou a “xenerosidade do Goberno, da maioría parlamentaria e dos grupos da oposición, porque fomos quen de manter a capacidade de control” ao Goberno galego neste periódico “excepcional e atípico”. Así, lembrou que o Presidente da Xunta compareceu en dúas ocasións, ademais de sete conselleiros e un máis que respondeu a preguntas na Deputación Permanente”. “Foi un acordo válido e esperemos que sirva como antecedente de producirse outra vez unha nova situación tan anómala como a que vivimos”, dixo.
Pedro Puy cualificou de “boa nova” que Galicia pasara á fase 2 da desescalada “porque ganamos ámbitos de liberdade”. En concreto, lembrou que, salvo as franxas horarias reservadas para os maiores de 70 anos, calquera pode saír; os grupos que se poden reunir son máis numerosos; e comeza a recuperarse a actividade comercial, a lúdica e a hostalería con maior intensidade”.
ACELERANDO A DESESCALADA
“O Goberno de España está acelerando os prazos de desescalada, polo que confiamos que os ámbitos de liberdade se vaian recuperando aínda máis e Galicia poda estar fora do ámbito de aplicación do Estado de Alarma en breve prazo”, sinalou. O portavoz popular indicou que esta situación ten moito que ver coa responsabilidade e o esforzo colectivo que fixo a sociedade galega, así como coa capacidade do propio sistema público sanitario de dar resposta con novos mecanismos para dar resposta á enfermidade”. “Todo isto é unha boa sinal para o país, tanto polo que significa desde o punto de vista da satisfacción do deber cumprido, como de que as nosas institucións foron quen de dar unha resposta axeitada”, apuntou.
Así mesmo, Pedro Puy avogou porque o Goberno central “teña en conta a petición que lle fixo onte o Presidente da Xunta para comezar a valorar a mobilidade interprovincial”, xa que considerou un “bo momento para que toda a comunidade autónoma poda permitirse a mobilidade sen maiores restricións”.
“O certo é que todas as análises coinciden en que ata que haxa unha vacina poden pasar moitos meses e, aínda que gañemos moitos ámbitos de liberdade, vai depender moito da responsabilidade individual”, manifestou.
A nivel económico, o portavoz popular lamentou que España “sexa un dos países máis afectados da Unión Europea” como consecuencia “das restricións do turismo e porque tivo que adoptar decisións máis drásticas no confinamento ao tardar máis en adoptar medidas contra a extensión do coronavirus”.
“É difícil pensar nunha situación de recuperación económica cando moitas persoas seguen se poder acceder ao cobro dos ERTEs”, sinalou. Neste sentido, destacou o programa de anticipos aos traballadores afectados por ERTEs que se puxo en marcha en Galicia, que conta xa con máis de 5.000 solicitudes por un importe que supera os cinco millóns de euros.
CAMPAÑA DE TURISMO
Ademais, lamentou as incertezas que están a xerar algunhas decisións adoptadas polo Goberno central, como o acordo asinado polo PSOE, Podemos e Bildu para derrogar de forma íntegra a reforma laboral, “que está a dar moi bos resultados ao permitir ás empresas flexibilizar a súa resposta fronte á crise en vez de ter unha soa saída, como antes da reforma laboral do PP, que era o despido”. “Ademais, non ten sentido apartar o diálogo social nunha cuestión que ten tanta importancia para o país para darlle protagonismo a unha forza minoritaria”, sinalou.
Pedro Puy tamén amosou a preocupación do Grupo Popular “polas declaracións e improvisacións que o Goberno central está a facer no ámbito turístico”. Mentres outros países negocian corredores sanitarios para reactivar este sector, España declarou de xeito unilateral que os que veñan de fóra teñan que estar confinados durante 14 días, ao tempo que se anuncia a apertura ao turismo interior e internacional xa no mes de xullo”, dixo. Esta situación “vai afectar a curto prazo á campaña de turismo de Galicia neste verán, que este ano viña reforzada pola preparación do Xacobeo 2021, así como na credibilidade da oferta turística española”.
Para rematar, Puy expresou a inquietude pola implantación da renda mínima vital, “non tanto pola súa existencia, porque en Galicia xa hai moitos anos que a Xunta ten implantada a renda de inserción social, senón porque se poña en marcha algo semellante sen que as comunidades autónomas teñan a máis mínima idea de como se van complementar e a que persoas vai beneficiar”.