Santiago, 19 de outubro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe a “decisión valente” do Goberno galego ao traer ao Parlamento galego os orzamentos para 2020 “pese ás circunstancias de inestabilidade que se viven a nivel nacional, querendo trasladar confianza e certeza aos axentes económicos e sociais”.
Puy informou, ademais, que o Grupo Popular trasladou na Xunta de Portavoces aos demais grupos parlamentarios unha proposta de declaración institucional, para a súa aprobación no Pleno da vindeira semana, na que se condenan os feitos violentos que se están a vivir en Cataluña nos últimos días e se pide un compromiso de respecto co sistema constitucional democrático vixente.
“Representan un exercicio responsable do autogoberno”, sinalou o portavoz popular, quen engadiu que “están centrados nas persoas e na prestación de servizos públicos básicos de calidade, pero ao mesmo tempo procuran que a economía galega siga medrando, minimizando a carga da débeda e comezando a imbricalos nunha planificación a longo prazo a través do Plan Estratéxico de Galicia”.
Pedro Puy salientou o feito de que o Goberno galego aprobara os orzamentos para o vindeiro ano “en tempo e forma, cumprindo coas normas e traéndoos a este Parlamento para o seu debate e aprobación antes de que comece o exercicio orzamentario de 2020”. “O feito de que o Goberno central estea en funcións e cos orzamentos prorrogados desde hai anos traslada unha incerteza ás comunidades autónomas porque non se coñecen as entregas a conta”, o que supón “unha dificultade para elaborar os seus orzamentos nos prazos previstos e motivando que haxa comunidades que decidiran prorrogar as súas contas e outras, como Galicia, que decidiron presentar e tramitar os seus orzamentos”.
CON INDEPENDENCIA DOS CALENDARIOS POLÍTICOS NACIONAIS
No caso de Galicia, o portavoz popular manifestou que “se fixo o que se tiña que facer, con independencia dos calendarios políticos de carácter nacional”. Neste sentido, sinalou que “todos os grupos do Parlamento galego, e así o expresaron no seu día, debemos salientar o feito de que, pese ás circunstancias de inestabilidade, a Xunta traslade confianza e certeza aos axentes económicos e sociais con estes orzamentos”.
Á falta de coñecer máis polo miúdo estas contas, Puy avaliounas “positivamente porque dan continuidade á liña de traballo da Xunta que está permitindo incrementar o PIB de Galicia por enriba da media nacional, reducir a taxa de paro por enriba da media española e incrementar en máis de 100.000 os afiliados á Seguridade Social desde 2013”. “Unha política económica que se alonxa moito daqueles presaxios que escoitamos nos anos de dificultades e nos que os orzamentos caían, porque o que din os datos é que son anos de converxencia, de creación de emprego e de saneamento da economía”, apuntou.
Pedro Puy manifestou que os orzamentos “reflicten a recuperación económica logo da crise que sufrimos, cun incremento do gasto de 300 millóns sobre o ano anterior, sobrepasando a barreira dos 10.000 millóns de euros por primeira vez en dez anos e situándose como os máis altos da historia da comunidade autónoma sen deixar liquidacións negativas”.
Así mesmo, o portavoz popular indicou que “se continúa coa política de rebaixas fiscais selectivas”, tanto no imposto de transmisións patrimoniais, como no de sucesións e facilitando a sucesión de empresas familiares, ademais de bonificar as actuacións en vivendas para mellorar a eficiencia enerxética.
GASTO E INVESTIMENTO
En relación co gasto, Puy destacou que “os departamentos que máis medran neste orzamento son os de política social e emprego”, apuntando que sanidade, educación e política social se levan máis de tres cuartas partes do gasto da Xunta para o vindeiro ano.
“O investimento tamén mellora, crecendo ata casi os 1.700 millóns de euros”, subliñou, para sinalar como prioridades políticas o medio rural, a sanidade, o I+D+I, a educación e o medio ambiente.
Pedro Puy tamén destacou o descenso dos intereses da débeda, “que aporta capacidade de gasto á Administración autonómica”. “Desde que en 2016 comezou a posibilidade de reestruturar a débeda, aproveitando os mecanismos públicos de financiamento e a baixada dos tipos de xuro, a Xunta ten aforrado máis de 700 millóns de euros”, dixo.
Para rematar, Puy referiuse á planificación do Xacobeo 2021, para o que se destinan 82 millóns de euros. Neste sentido, sinalou a “importancia de tomarse en serio a celebración deste evento porque é unha oportunidade única para Galicia”.