Santiago, 26 de xullo de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixo hoxe un balance da actividade do Parlamento galego neste primeiro ano da XI Lexislatura e salientou o “intenso traballo” desenvolvido, mantendo a normalidade democrática e a capacidade de impulso e control por parte da oposición. Así mesmo, subliñou que “as prioridades foron a loita contra a pandemia, tanto no ámbito sanitario como no económico, e o proceso de recuperación económica e aceleración das reformas, que se ve en moitas dos textos lexislativos aprobados”.
Pedro Puy manifestou que ao longo deste ano de lexislatura demostrouse que “a maioría é dialogante, aceptando moitas iniciativas da oposición, pese a que moitas veces BNG e PSdeG non aproveiten este diálogo” desde o grupo maioritario.
Na súa intervención, o portavoz popular concretou que o Parlamento galego leva celebradas 335 reunións e aprobados 15 novos textos lexislativos: 9 proxectos de Lei e 6 proposicións de lei.
Ao longo deste ano se celebraron 24 sesións plenarias, cunha duración conxunta de 311 horas e 20 minutos, moi por enriba doutras comunidades autónomas como Andalucía (268 horas), País Vasco (259 horas), Cataluña (227 horas), Comunidade Valenciana (205 horas) ou Madrid (176 horas).
A esta duración dos plenos hai que engadir as máis de 600 horas que se reuniron as distintas comisións parlamentarias. En total, foron máis de 911 horas de actividade no Parlamento galego desde o comezo desta lexislatura, o que supón 2 horas e 35 minutos diarias (incluíndo sábados e domingos).
285 INICIATIVAS DE CONTROL AO GOBERNO EN PLENO
Respecto da actividade de control e impulso ao Goberno galego, se teñen debatido 452 iniciativas en Pleno: 166 de impulso e 285 de control. Puy salientou que “máis do 75 por cento corresponderon aos grupos da oposición: 185 ao BNG e 155 ao PSdeG; fronte a 89 do Grupo Popular e 23 por iniciativa do Goberno galego”.
En conxunto, a media de iniciativas debatidas en cada pleno achegouse aos 19 puntos, con case 12 intervencións de membros do Goberno e 7 iniciativas de impulso. Así mesmo, aprobáronse neste ano 62 proposicións non de lei en Pleno, das que a metade foron por unanimidade de todos os grupos parlamentarios; ao tempo que case o 42 por cento das PNL aprobadas foron a iniciativa da oposición.
Sobre a actividade nas comisións parlamentarias, aprobáronse 182 proposicións non de lei, das que case o 65 por cento foron por unanimidade; e 87 foron a iniciativa dos grupos da oposición (46 do BNG e 41 do PSdeG).
Para rematar, Pedro Puy destacou a presenza de membros do Goberno galego nas actividades deste Parlamento, xa que, sumando plenos e comisións, teñen comparecido unha media de 2 veces cada día nesta Lexislatura.
PRESENZA EN REDES SOCIAIS
Dentro do apartado de redes sociais, o Grupo Popular realizou neste ano, tanto nas súas contas de Facebook e Twitter, 1.785 novas publicacións, que tiveron 1.225.000 visualizacións.