Santiago, 4 de marzo de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que Galicia acadou no mes de febreiro a menor cifra de paro feminino desde 1996, con 482.000 mulleres afiliadas á Seguridade Social, tres puntos máis que no 2009.
Respecto da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo, afirmou que “se equivocan aqueles partidos que queren facer disto unha cuestión distinta do que é: un obxectivo social compartido, no que o PPdeG levamos tempo traballando e buscando consensos”.
Pedro Puy destacou, “sen caer no triunfalismo ou no optimismo”, os datos de desemprego coñecidos hoxe, que sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma con maior baixada de paro en termos de evolución anual: o 7,70 por cento, dous puntos e medio máis que a media nacional. “Estamos a falar de niveis de desemprego inferiores a 2009, pero iso non quere dicir que non exista a necesidade de perseverar e seguir traballando”.
48,4% DE AFILIADAS EN GALICIA
Na súa exposición, o portavoz popular salientou que as mulleres representan o 48,4 por cento do total de afiliados á Seguridade Social en Galicia, logo de que a afiliación feminina se incrementara nun ano o 2,13 por cento, fronte á media galega do 1,92 por cento.
Así mesmo, subliñou que na Comunidade galega “hai 12.000 mulleres en postos de dirección ou xerencia, as mulleres empresarias con persoas asalariadas ao seu cargo aumentaron no último ano nun 7,92 por cento, fronte a un descenso a nivel nacional do 4,74 por cento; ao tempo que Galicia é a segunda comunidade con maior ritmo de crecemento dos salarios femininos desde 2008, o que permitiu que a fenda salarial se reducira desde o inicio da crise en case catro puntos”.
“Parece que están a dar resultado algunhas das accións que emprende a Xunta para fomentar o emprego feminino, tanto a nivel do diálogo social como en base ás iniciativas que se están a executar, como o programa de emprego feminino ou as medidas de conciliación da vida familiar a laboral”, indicou.
SEGUIR TRABALLANDO NA IGUALDADE
Pedro Puy afirmou que esta situación non exime de “seguir traballando na igualdade de homes e mulleres, particularmente no ámbito laboral o vindeiro 8 de marzo”. Así, salientou “todo o que leva feito o PPdeG e a Xunta desde hai anos pola igualdade entre o home a muller, como o plan de acción contra a violencia de xénero, a primeira lei de igualdade nunha comunidade autónoma ou a constitución das redes locais contra a violencia de xénero, entre outras”.
Subliñou que o actual Goberno galego “traballa na loita pola igualdade” e afirmou que “é a esquerda a que quere facer unha división falsa para ter vantaxe electoral nos vindeiros comicios”. Neste sentido, lembrou que no último Pleno intentouse a aprobación dunha declaración institucional “que amosara á sociedade que estamos a falar dun obxectivo común: a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero”, pero lamentou que o BNG se opuxera porque preferiu que se debatera unha iniciativa propia.
TRES GRANDES FRACASOS DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Cuestionado sobre o Goberno de Pedro Sánchez con motivo da convocatoria de eleccións xerais, Pedro Puy explicou que “estamos ante unha longuísima campaña de imaxe persoal que trata de encubrir os tres grandes fracasos: nin se rexenerou a vida política española, nin se solucionou a cuestión territorial e o problema catalán; nin se están a solucionar os problemas que fan a economía española feble ante unha nova desaceleración”.
Puy lembrou que o proxecto de orzamentos do Goberno do Estado “incorporaba novos gastos e unha previsión insuficiente de novos ingresos, polo que organismos como a Comisión Europea, a AIReF ou o Banco de España dicían que se ía a supera o déficit establecido”. Ademais, criticou que “desde que se rexeitaron os orzamentos, o único que se está a facer é presentar novas propostas de gasto, xa sen falar de ingresos”.