Santiago, 27 de xullo de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que unha media de dous membros do Goberno galego compareceron cada día desta lexislatura no Parlamento galego. Así mesmo, destacou que no último período de sesións “tivemos ocasión de asistir ao proceso áxil e sen sobresaltos de cambio do Presidente da Xunta á metade da lexislatura, un exemplo de funcionamento axeitado, de rigor e seriedade do Parlamento galego, contradicindo a moitos agoreiros que aventuraban incidentes”.
Pedro Puy concretou que no último período de sesións se celebraron cerca de 160 xuntanzas, acadando a cifra de 643 reunións no que vai da XI Lexislatura. A Comisión 3ª foi o órgano que celebrou máis reunións (114); seguida pola Comisión 5ª (61) e o Pleno (50).
NOVO PRESIDENTE DA XUNTA
“Pero, á marxe desta intensa actividade parlamentaria desenvolvida neste período de sesións, tivemos oportunidade de vivir un acontecemento histórico para a Comunidade galega: a renuncia do Presidente da Xunta e a súa substitución por un novo Presidente do Goberno galego”, lembrou o portavoz popular. En concreto, dixo que o proceso se iniciou coa presentación da renuncia de Alberto Núñez Feijóo no Parlamento galego o pasado 29 de abril, para liderar a oposición ao Goberno de España, e rematou o 14 de maio coa toma de posesión de Alfonso Rueda como novo Presidente da Xunta.
Durante este proceso, o Parlamento galego seguiu traballando con total normalidade, desenvolvendo a súa actividade e celebrando as comisións parlamentarias correspondentes. Así, o Pleno leva celebradas nesta lexislatura 50 sesións, que tiveron unha duración superior ás 568 horas; ao tempo que a duración das comisións parlamentarias que levamos celebrado superan as 1.173 horas.
En total, o Parlamento galego reuniuse, tanto en Pleno como en Comisión, máis de 1.742 horas, o que supón unha media diaria nesta lexislatura de 2 horas e 25 minutos.
Pedro Puy fixo unha referencia especial á aprobación de 20 textos lexislativos no que vai de lexislatura, dos que 13 foron proxectos de Lei e 7 proposicións de lei dos grupos parlamentarios. Entre os proxectos de Lei, salientou os de ordenación do territorio; o de impulso demográfico; o de residuos e solos contaminados; ou o de xestión do ciclo integral da auga; ademais dos orzamentos para 2021 e 2022. Neste momento, unicamente se atopa en tramitación o proxecto de Lei de áreas empresariais de Galicia.
CONTROL AO GOBERNO
Respecto á actividade de control en Pleno e Comisión, os membros do Goberno galego teñen comparecido unha media de dúas veces ao día no Parlamento galego (547 comparecencias, preguntas ou interpelacións en Pleno, e 938 comparecencias ou preguntas en Comisión). Neste punto, Puy destacou que o 81 por cento das accións de control ao Goberno galego realizadas en Pleno corresponderon aos grupos da oposición, unha cifra que chega ao 71 por cento en comisión.
Así mesmo, no que respecto á actividade de impulso ao Goberno galego, debatéronse un total de 328 mocións ou proposicións non de lei en Pleno, das que tres de cada catro eran a iniciativa da oposición. O número de proposicións non de lei aprobadas en Pleno nesta lexislatura é de 111, das que a metade se aprobaron por unanimidade de todos os grupos parlamentarios.
Sobre a actividade de impulso realizada en Comisión, aprobáronse 361 proposicións non de lei, das que máis do 68 por cento se aprobaron por unanimidade (247) e máis do 45 por cento foron a iniciativa da oposición (163).
DIÁLOGO POSITIVO
Pedro Puy considerou “positivo que exista un clima político de diálogo, que estes días tamén se trasladou ao diálogo directo entre a Presidencia da Xunta e os líderes dos partidos da oposición”. Así, salientou que Alfonso Rueda recibiu aos líderes do BNG e do PSdeG e pediulles un acordo sobre peticións relacionadas coas necesidades de Galicia para trasladar ao Presidente do Goberno de España na entrevista que terán no día de mañá.
“Unha vez se concretou esta reunión, o Presidente remitiu unha carta aos responsables dos grupos da oposición pedíndolles un apoio específico a diversas cuestións nas que xa había certo grao de acordo, un documento que foi contestado por parte do BNG e do PSdeG e, salvo algunha cuestión menor, se van aceptar as súas propostas de engadido, co que o Presidente Rueda vai ir á entrevista con Pedro Sánchez cunha proposta amplamente consensuada en aspectos de desenvolvemento do estado de benestar”, manifestou.