3 de abril de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que os recentes informes publicados polo Banco de España e o Foro Económico de Galicia “nos fan ser optimistas” sobre o futuro da economía de Galicia, xa que reflexan un descenso da débeda pública e que o PIB galego xa acadou os niveis da prepandemia.
Porén, alertou que “o que vai marcar o futuro é saber utilizar ben os importantes fondos de resiliencia da Unión Europea”, polo que insistiu na necesidade de que “o Goberno de España transfira a Galicia os fondos que considere oportunos para xestionalos directamente co obxectivo de garantir a viabilidade dos proxectos tractores da economía galega”.
Pedro Puy comezou a súa intervención expresando “a nosa dor e solidariedade coas familias dos mozos que faleceron na noite do venres ao sábado en Xove”. “Trasladamos o noso pésame ás súas familias” e pediu a todos os que realicen algún desprazamento nestes días de Semana Santa que circulen con coidado polas estradas.
6,7 PUNTOS DE DÉBEDA MENOS
Na súa intervención, o portavoz popular recoñeceu a “difícil situación que están vivir moitas familias pola situación inflacionaria actual, o que non quita para facer unha avaliación xeral da economía galega”. Neste sentido, referiuse ao último informe publicado polo Banco de España sobre a débeda das administracións públicas, no que se pon de manifesto que Galicia pechou 2022 con menor débeda que o ano anterior, logo de reducirse 1,3 puntos na ratio débeda/PIB. “Estamos nunha ratio do 17,2 por cento, acadando os niveis de prepandemia, o que nos sitúa 6,7 puntos por baixo da media das comunidades autónomas, e das máis reducidas das comunidades de réxime común”, manifestou.
O portavoz popular salientou que Galicia foi a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda desde 2008, o que se traduce en que cada galego debe hoxe 2.232 euros menos que a media dos españois: 4.447 euros fronte a 6.679 euros da media das comunidades. “Esta situación permítenos deixar menos lastradas as contas para as xeracións vindeiras e ter máis capacidade de reacción e de actuación ante situacións imprevistas como a guerra ou a pandemia”, engadiu.
Xunto a este documento do Banco de España, Pedro Puy tamén se referiu ao último informe de conxuntura do Foro Económico de Galicia, no que se pon de manifesto que Galicia xa conseguiu superar o nivel de PIB previo á pandemia, “algo que salienta en relación co conxunto da economía española, que aínda está nove décimas por baixo dos niveis previos á chegada da Covid-19”. Así mesmo, destacou que “seguimos incrementando a produtividade da economía galega, situándonos xa no 95 por cento da economía española”, e explicou que este incremento do PIB “ten que ver coa maior demanda externa, que contribuíu un 3,7 por cento ao crecemento agregado”.
Porén, afirmou que “o que vai marcar o futuro é saber utilizar ben os importantes fondos de resiliencia da Unión Europea”. Así, lamentou que, mentres o Goberno de Portugal xa anunciou que vai financiar con 130 millóns de fondos europeos o proxecto de Altri nese país, a falta dun PERTE específico e de vontade política poña en perigo o proxecto de fibras téxtiles desta empresa en Palas de Rei.
BAIXA EXECUCIÓN DOS FONDOS EUROPEOS
“Todo isto nos leva a estar fondamente preocupados, porque o nivel de execución dos fondos europeos por parte do Goberno de Pedro Sánchez é moi baixo: dos preto de 41.000 millóns de euros anunciados polo Goberno de España, só se convocaron actuacións por algo máis de 12.800 millóns de euros, dos que ademais só están adxudicados 6.770 millóns, é dicir, o 16,5 por cento”, concretou. Esta situación foi a que levou á delegación do Parlamento Europeo que visitou Galicia hai poucas semanas a dicir que era difícil saber cal era o destino dos fondos.
Neste contexto, Pedro Puy insistiu na importancia de que o Goberno de España transfira a Galicia os fondos que considere oportunos para que desde esta comunidade autónoma se xestionen de forma directa co obxectivo de garantir a viabilidade dos proxectos tractores da economía galega.