15 de febreiro de 2023. Os deputados do Grupo Popular visitaron esta mañá o Centro Integral de Saúde (CIS) de Lalín, “un edificio de referencia do novo modelo de atención primaria que está emprendendo a Xunta para facilitar unha mellor atención sanitaria de proximidade e de vangarda a todos os galegos”, manifestou o portavoz, Pedro Puy. “Unha atención primaria que en Galicia xa hai anos que supera o 25 por cento do orzamento destinado a Sanidade, tal e como o recoñeceu o propio Ministerio no ano 2020”, destacou.
O novo CIS de Lalín, cuxas obras está previsto rematar para este mesmo verán, suporá un investimento total superior aos 10 millóns de euros. Mesmo nos orzamentos para 2023 figura xa unha partida orzamentaria de 800.000 para a dotación de todo o equipamento, mobiliario e material informático.
MAIOR ESFORZO ECONÓMICO
Puy explicou que, “ao longo dos seus catro pisos e 5.500 metros cadrados de superficie, o novo CIS de Lalín permitirá fortalecer o nivel asistencial e dar maior capacidade resolutiva ás consultas médicas, a través da dotación de medios diagnósticos e terapéuticos que evitarán aos pacientes de toda a comarca de Deza ser derivados a outros centros para a realización de consultas e probas médicas”.
O CIS de Lalín, xunto co CIS que tamén se está a poñer en funcionamento no barrio da Residencia en Lugo, representan “o novo modelo de atención primaria que quere implantar a Xunta en toda Galicia”, salientou o portavoz popular. “Un modelo de atención primaria que ano tras ano está a supoñer un maior esforzo económico por parte do Goberno galego: este ano serán máis de 1.500 millóns de euros o que se destinará a atención primaria, 137,5 millóns máis que o pasado ano, nun montante global da Consellería de Sanidade que se achega aos 5.000 millóns de euros”, concretou.
Estes datos confirman que o orzamento destinado a atención primaria en Galicia representa máis do 25 por cento do orzamento de sanidade, unha cifra que o propio Ministerio de Sanidade, no seu último informe correspondente a 2020, confirmou ao dicir que a atención primaria ascenden ao 28,96 por cento. “Aceptar e poñer en práctica o que está a pedir o BNG sería dar un paso atrás e reducir o gasto que xa está a recibir a atención primaria en Galicia, algo ao que non estamos dispostos nin desde o Goberno galego nin desde o PPdeG”, dixo Pedro Puy.
Ademais, engadiu que “o BNG está a pedir insistentemente 200 millóns máis para a atención primaria, cando a verdade é que o orzamento xa se incrementou en 313 millóns de euros desde que fan esta demanda”.
MÁIS PROFESIONAIS
O portavoz popular lamentou que “a única aportación da oposición é opoñerse a todo tipo de medidas que se propoñen desde o PPdeG ou desde o Goberno galego para mellorar a atención sanitaria: votaron en contra da lei que permite cubrir prazas vacantes de difícil cobertura en atención primaria por concurso de méritos, votaron en contra de que os médicos poidan prolongar a súa idade de xubilación activa ata os 72 anos e votaron en contra de que os médicos con máis saturación de demanda poidan deixar en mans do persoal farmacéutico de atención primaria a renovación de receitas de pacientes crónicos”.
“Os problemas da sanidade galega e da atención primaria non é de orzamento, e boa mostra disto é este novo CIS de Lalín, senón de falta de profesionais sanitarios, principalmente médicos de familia e pediatras”, lembrou Puy. Neste sentido, lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez non están a escoitar e menos atender as demandas que se lle están formulando, non só desde Galicia senón desde a gran maioría das comunidades autónomas, para incrementar esta falta de profesionais”.
Así, lembrou a necesidade de que desde o Goberno central se incremente o número de prazas MIR para formar máis médicos e pediatras, pero “por desgraza, o Goberno de Pedro Sánchez rexeita calquera medida neste sentido e, incluso, fai caso omiso ás peticións de que se incremente o número de centros de saúde acreditados onde se poida formar a máis profesionais”. Neste momento, dos máis de 450 centros de saúde que ten Galicia, soamente en 100 se pode formar aos médicos MIR.