Santiago, 19 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que as emendas presentadas aos orzamentos para 2018 e ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas buscan “un cambio na política forestal, dotando aos concellos e á propia Xunta de instrumentos que permitan limpar, ordenar, facer máis rendible e menos susceptible de incendios o monte galego, facilitando a súa explotación racional”.
Nunha entrevista en Radio Nacional, Pedro Puy manifestou que “a vontade do Goberno galego e do Grupo Popular é de solucionar un problema que ten mudado como consecuencia de circunstancias novas, como que a masa forestal mudou, así como as condicións climatolóxicas”, como se demostrou o pasado mes de outubro.
SERVIZO ANTIINCENDIOS, RAZOABLE
Puy considerou que o servizo antiincendios da Xunta “funciona dun xeito razoable, como se demostrou este mesmo verán, onde pese á seca, a calor e os ventos, foi unha tempada normal”. “O que aconteceu en outubro fainos reflexionar a todos sobre a necesidade de facer cambios, avanzar na prevención e abordar o problema da rendibilidade unha vez que se produciron estes cambios sociais de uso económico e social do rural en Galicia”.
“Do que se trata é de fixar políticas a longo prazo para que o monte sexa rendible e non constitúa unha ameaza á vida, ás propiedades e ao patrimonio natural de Galicia”, manifestou o portavoz popular.
Así mesmo, indicou que “a política forestal non depende en exclusiva do Goberno da Xunta”, porque “a responsabilidade é de todos”. Neste sentido, lembrou que “o 98 por cento do monte en Galicia está en mans privadas”. “Do que se trata é de avanzar para que posibles obstáculos, como o que puidera ocorrer se non hai persoal nun concello para facer limpeza, se resolvan”, porque “o importante é que non nos expoñamos ao que ocorreu no mes de outubro”, engadiu.
COMISIÓN SOBRE A POLÍTICA FORESTAL
Pedro Puy lembrou a creación no Parlamento dunha Comisión de estudo sobre a política forestal e de prevención e extinción de incendios forestais. Os grupos parlamentarios dispoñen ata mañá para designar aos seus membros, que posteriormente serán convocados polo Presidente do Parlamento para a constitución da Comisión.
A continuación, a Comisión terá que facer unhas normas de funcionamento e despois un plan de traballo no que cada grupo proporá os documentos e datos que considere necesarios, “así como a presencia nesa comisión das persoas que se entenda que poden aportar algo sobre como está o sector forestal ou como se pode mellorar o operativo contra os lumes”, indicou.
Cuestionado sobre a posibilidade de que compareza o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, Puy sinalou, “co máximo respecto aos membros da comisión, que esa persoa ten moito que aportar cando se fala de explotación forestal e extinción de incendios”, porque figura “entre as persoas que máis saben en Galicia desta cuestión”.
SATISFEITO DA RELACIÓN COS GRUPOS
Respecto das relacións cos grupos parlamentarios da oposición, Puy amosouse “satisfeito” porque “temos boas relacións con todos”. “Confío que esa boa relación tamén sirva para que os grupos da oposición poidan facer mellor o seu traballo”, indicou.
Neste sentido, manifestou a coincidencia co Partido Socialista “nalgúns debates como a defensa da Constitución Española de 1978”, fronte a “outros que falan doutras cousas como rachala ou que a rachen outros prexudicando gravemente a Galicia, como é o caso do BNG”.
Por último, sobre a demanda de implantación de 600 megavatios de nova potencia eólica en Galicia, expresada estes días polo Foro Enerxético de Galicia, Pedro Puy lembrou que a Lei de apoio ás iniciativas empresariais “simplifica enormemente a posibilidade de que se expanda o sector eólico en Galicia e se aproveiten as nosas posibilidades nese ámbito, sen necesidade de apoio extraordinario vía subvencións.”