Santiago, 26 de marzo de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe na Deputación Permanente celebrada no Parlamento galego que “Galicia está en boas mans” e animou ao Goberno galego “a seguir anticipándose, respondendo aos problemas que xorden, con moita transparencia e altura de miras”. “É o momento para a unión, porque estamos seguros que coa unión dos galegos, cooperando cos demais españois, europeos e o conxunto da humanidade superaremos esta crise sociosanitaria, as súas consecuencias económicas e preservaremos o noso sistema democrático”, asegurou.
Pedro Puy comezou a súa intervención amosando a solidariedade coas familias dos falecidos como consecuencia do coronavirus, dos enfermos que están hospitalizados e das persoas que están recluídas na súa casa pendentes de evolución. “Tamén quero trasladar o noso agradecemento polo esforzo que están a realizar o persoal sanitario e dos servizos sociais; as persoas que traballan na cadea alimentaria; o persoal público que segue a traballar nos servizos esenciais; aos empresarios que seguen traballando e aos que están sufrindo por non poder sacar os seus empregos adiante durante esta crise; aos profesionais da información; e á poboación galega en xeral, que está a cumprir o confinamento con responsabilidade”, apuntou.
“Estamos nunha situación extraordinaria, unha pandemia que conleva un triplo reto: sociosanitario, para previr contaxios e atender aos contaxiados; económico, de mantemento da produción e a distribución dos bens básicos; e institucional, porque a crise sanitaria esixe que lle deamos a mellor resposta respectando o sistema democrático, a transparencia e as institucións de todos”, manifestou.
ANTICIPACIÓN E AXILIDADE
En primeiro lugar, Pedro Puy salientou que o Goberno galego actuou con anticipación. Neste sentido, lembrou que “o 24 de febreiro se deron os primeiros casos de coronavirus na España peninsular e só tres días despois a Xunta xa tiña creada a Comisión Interdepartamental para a xestión da crise, unha comisión clínica de expertos para o asesoramento do Sergas e un teléfono de atención á cidadanía”.
Así mesmo, dous días antes de que o 4 de marzo se coñecera o primeiro caso de persoa contaxiada en Galicia, esta Comisión Interdepartamental xa aprobara o reforzo con 60 profesionais de servizos como o de recollida de mostras a domicilio, laboratorios ou atención telefónica do 061; e tres días antes o conselleiro de Sanidade xa anunciou a compra de material por valor de dous millóns de euros.
Pedro Puy tamén salientou a axilidade coa que actuou o Goberno galego para poñer en marcha medidas tanto no eido sanitario como no eido social. En concreto, referiuse á aprobación de plans de riscos; o incremento do persoal sanitario; a ampliación nun 71 por cento das camas UCI; a coordinación co sector sanitario privado; a localización, selección e habilitación de determinados establecementos hoteleiros para que podan medicalizarse; ou a posta en marcha de test desde o coche nos hospitais galegos.
Tamén subliñou as decisións adoptadas pola Xunta para blindar os albergues e comedores sociais; a suspensión do cobro do alugueiro en vivendas protexidas de titularidade autonómica; a creación dun teléfono social para o acompañamento; a garantía da atención a vítimas de violencia machista; ou a habilitación de dúas residencias integradas para as persoas internas en residencias que deran positivo.
E outras medidas, como a aprobación do protocolo de protección a empregados públicos e xeneralización do teletraballo; recursos educativos a través da tecnoloxía; reforzo dos servizos telefónicos de atención á cidadanía; pactando co sector as condicións do transporte público; e cun acordo áxil para a suspensión da campaña electoral e do proceso electoral previsto para o 5 de abril.
TRANSPARENCIA E ALTURA DE MIRAS
No ámbito da transparencia, o portavoz popular destacou “esta mesma comparecencia, que se fai a petición propia e que, ata o momento, só fixeron os presidentes de Castela e León e Baleares”. “O galego está a ser un dos gobernos máis transparentes e o Parlamento galego un dos que están a obter máis información e, por tanto, maiores posibilidades de control do seu goberno”, apuntou.
Por último, Pedro Puy demandou “altura de miras tanto por parte dos responsables e representantes públicos”. Así, subliñou que “a Xunta mantense leal co Goberno de España, que é a quen corresponde liderar esta situación, e incorporou ao Centro de Cooperación Operativo ao delegado do Goberno central e ao presidente da Fegamp”.