Santiago, 20 de novembro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que o teito de gasto da Xunta de Galicia para 2017 “reflicte a evolución positiva da economía galega” e permitirá “afianzar o crecemento con máis gasto público e reforzar o Estado de Benestar”. Puy saudou “a volta ao que debe ser a normalidade democrática” amosada polos grupos da oposición neste inicio de lexislatura e reiterou a predisposición ao diálogo do Grupo Popular para “tomar decisións conxuntas, de maneira que non haxa bandazos no futuro e consolidar políticas necesarias para o país”.
Nunha entrevista en Radio Nacional, Pedro Puy lembrou que o teito de gasto será debatido e votado no Pleno ordinario que se celebra a vindeira semana. “Reflicte unha situación económica mellor, na que a Xunta vai ter máis capacidade de gasto, arredor de 250 millóns de euros, co que afianzar o crecemento e reforzar o Estado do Benestar”, apuntou.
NOVA LEI DE EMPREGO
Cuestionado sobre a elaboración dunha nova Lei de emprego, sinalou que “a idea fundamental é que o Servizo Público de Emprego de Galicia dea mellor resposta ás demandas das persoas que están buscando traballo”. Neste sentido, manifestou que “falamos dunha previsión da evolución da economía que permita crear na lexislatura entre 80.000 e 100.000 empregos, un emprego que non depende dunha burbulla como a inmobiliaria, senón do afianzamento dos sectores produtivos galegos”.
Pedro Puy avogou porque “o ton distinto” amosado polos portavoces da oposición neste inicio da lexislatura “sexa un cambio de actitude en xeral cara as institucións e non un cambio motivado por outro tipo de circunstancias”. “Un debate pode ser duro, con acusacións políticas grosas, porque é o normal no parlamentarismo; o que non é normal é a algarabía ou a descualificación persoal”, dixo.“Confiamos que esa actitude, que contrasta claramente con aquela do ano 2012 de non dar nin cen días nin cen minutos de tregua ao Goberno, sexa frutífera, non para ninguén en concreto senón para todos coa achega de solucións a problemas do país, como a crise demográfica”, salientou. Ademais, sinalou que “a propia situación social e económica está reconducindo a actitude daqueles grupos que chegaron a ter máis sona e representación como consecuencia da crise económica”.
DECISIÓNS CONXUNTAS
O portavoz popular reiterou a disposición do PPdeG de chegar a acordos coa oposición e lembrou que “xa amosamos esa vontade de diálogo”. Así, lembrou que “a pasada lexislatura foi na que máis leis a iniciativa dos grupos da oposición se tramitaron e se aprobaron na Cámara, en contraste con outras etapas de goberno nas que nin unha soa das proposicións de lei presentadas pola oposición foron tramitadas”.
En concreto, concretou que “sería bo que nalgunhas cuestións que van máis aló da propia lexislatura, como o ámbito educativo, o financiamento autonómico ou a demografía, tomásemos decisións conxuntas, de maneira que non haxa bandazos no futuro para poder consolidar políticas necesarias para o país”.Respecto da configuración do novo Goberno galego, xustificou o continuísmo dos seus membros en que “hai apenas un ano que se fixeron modificacións significativas na estrutura e nas persoas atendendo tanto as necesidades do Goberno como a evolución da economía”. Ademais, subliñou que “o Goberno foi enteiro nas listas do Partido Popular ás eleccións galegas, mantendo o número de escanos e incrementando o número de votos”.
CON GANAS E FORZA
“Ademais, en terceiro lugar e pensando no futuro, estamos nun momento no que é urxente traer os orzamentos á Cámara, polo que calquera modificación do organigrama ou das persoas que están á fronte das conselleiras podería provocar unha innecesaria paralización na tramitación das contas públicas”, sinalou.Cuestionado sobre a posible sucesión de Alberto Núñez Feijóo, Puy asegurou que “o debate non está aberto” e manifestou que “o Presidente está con ganas e con forza para darlle un bo pulo ao goberno nunhas circunstancias máis favorables”.
Así, engadiu que “levamos gobernando unha situación na que a tendencia era a reducir o gasto como consecuencia da crise económica pero agora hai máis capacidade e marxe para facer políticas en positivo, con novos recursos para impulsar cousas que no pasado non se podían facer como consecuencia da escaseza de recursos”.Para rematar, sobre a solicitude de constitución da comisión de investigación sobre as antigas caixas galegas, o portavoz popular explicou que “queremos que se saiba cales eran as conclusións da comisión e, polo tanto, a nosa iniciativa é que sexa retomada onde estaba para elaborar e aprobar o ditame”.