Santiago, 1 de xullo de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou hoxe que o atraso nas entregas a conta correspondentes a 2019 ou na devolución da mensualidade do IVE de 2017 por parte do Goberno central á Xunta, que suman 530 millóns de euros, “están a provocar problemas de tesourería porque figuran no orzamento galego para o presente ano e poden xerar custos adicionais”.
Neste sentido, Puy asegurou que “estas cuestións están por enriba dunha transferencia, á que non nos opoñemos”, como a de tráfico, que está previsto o seu debate no vindeiro Pleno do Parlamento galego.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios trasladando, no nome do Grupo Popular, o pésame á familia do ex alcalde de Baralla, Manuel González Capón, falecido esta pasada madrugada logo de loitar moito tempo contra unha grave enfermidade.
ADMINISTRACIÓN DIXITAL
A continuación, o portavoz popular avanzou a previsión de que no Pleno da vindeira semana, á espera do que se acorde definitivamente mañá na Xunta de Portavoces, está previsto o debate para a súa aprobación do proxecto de Lei de administración dixital de Galicia, que chega ao debate definitivo logo de que o Grupo Popular aceptara ou transaccionara 47 emendas dos grupos da oposición e cuxo ditame foi aprobado en comisión sen votos en contra.
“Esta nova lei é a culminación do proceso de reforma administrativa levado a cabo polo goberno de Feijóo desde 2009: como a Lei de organización e funcionamento da Administración, a Lei de racionalización, a Lei de garantía de calidade da administración e dos servizos públicos e a Lei de transparencia e bo goberno”, indicou Puy. Ademais, explicou que “ten dous obxectivos fundamentais: blindar legalmente os mecanismos de dixitalización implantados nos últimos anos, como a sede electrónica, o portal de teleoperabilidade, o rexistro electrónico, a sinatura electrónica ou a notificación electrónica; e aproveitar esta dixitalización da administración para cambiar a maneira de prestar servizos, pasando a un modelo de administración máis proactivo, que utilice os datos que manexa a cidadanía para facilitarlle, previo consentimento, os servizos”.
Así mesmo, Puy adiantou que a previsión de que na sesión plenaria se debata a aprobación da proposición de lei orgánica, para presentar perante o congreso, de transferencia a Galicia en materia de tráfico, circulación de vehículos e seguranza viaria”.
“O Grupo Popular abstívose na admisión a trámite e no debate en comisión da transferencia de tráfico, porque en absoluto nos opoñemos ao traspaso de novas competencias á Comunidade galega, pero queremos salientar que tanto o Goberno galego como o PPdeG consideramos que hai outros asuntos máis relevantes que compre resolver con maior prontitude”, apuntou.
CUESTIÓN RELEVANTE E PRIORITARIA
Pedro Puy referiuse expresamente ao retraso por parte do Goberno central socialista do abono á Xunta das entregas á conta correspondentes ao exercicio de 2019 (330 millóns de euros), á devolución da mensualidade do IVE de 2017 (200 millóns de euros) ou ao incentivo ás comunidades autónomas cumpridoras (170 millóns de euros).
“Trátase dunha cuestión moi relevante e prioritaria para Galicia en relación a calquera outra”, salientou o portavoz popular, quen informou que este grupo parlamentario xa rexistrou unha proposición non de lei “para que o Goberno central poda ser consciente do problema que pode causar en comunidades como Galicia se seguen sen mandar estes recursos”.
Neste sentido, incidiu que “non nos opoñemos a falar da transferencia de novas competencia para a Comunidade galega, pero o Goberno galego e Galicia teñen outras prioridades”.
Puy explicou que a ausencia destes pagos por parte do Goberno central “pode conlevar custos adicionais” para a economía galega, porque a falta destes cartos “afecta non só ao funcionamento dos servizos públicos, senón tamén ao pago a provedores ou empresarios que traballan para a Administración autonómica”.