Santiago, 13 de febreiro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, demandou “tranquilidade” ao BNG respecto da Comisión de investigación sobre as caixas galegas porque “vaise constituír, vai chegar a conclusións e van ter a oportunidade de dicir o que pensan sobre este tema, cousa que xa o están a facer antes de que se redacten as conclusións”.
Pedro Puy explicou que desde a aprobación a iniciativa do Grupo Popular polo Pleno da constitución desta Comisión de investigación o pasado 13 de decembro, “o Parlamento galego ten traballado arreo con algo que é prioritario na súa tramitación: os orzamentos”. En concreto, dixo que as Contas da Xunta para 2017 “entraron no Parlamento a comezos de decembro e non pasou nin unha semana desde que tivemos o último debate para a súa aprobación”.
Así mesmo, reiterou que na Comisión de investigación “pódese incorporar todo aquilo que estea demostrado e que teña que ver coa evolución das caixas galegas”.
A XUNTA NON FOI CHAMADA A COMPARECER
Respecto do control sobre as indemnizacións dos responsables das caixas, Pedro Puy incidiu que, “en contra do que se dixo desde a oposición, era competencia do Banco de España e a Xunta non ten nada que ver con este tema”. Para o portavoz popular, isto quedou demostrado no xuízo que condenou a algúns directivos das antigas caixas por non comunicar ao Banco de España a modificación das súas indemnizacións, polo que “prestaron testemuña os anteriores responsables de ABANCA, inspectores e responsables do Banco de España, e todo aquel que tiña capacidade de aprobación ou control desas indemnizacións, pero ninguén da Xunta foi chamado como testemuña para opinar”.
“A cada quen lle pode parecer mellor ou peor que as entidades chegaran a acordos sobre retribucións dos seus directivos que fosen validadas polo propio Banco de España”, pero quedou demostrado que “cando se fixo á marxe do que marca a norma, que é que estean aprobadas polo Banco de España, a Xustiza actuou”, explicou Puy.
LIMITACIÓN DAS RETRIBUCIÓNS
O portavoz popular lamentou que no sector financeiro houbera “un exceso de retribucións e indemnizacións aos máximos responsables, sobre todo atendendo á evolución no mercado dos servizos financeiros”. Porén, apuntou que “unha das cuestións que máis me alegrou neste proceso de transformación das caixas en entidades financeiras foi que o PP aprobase unha limitación ás retribucións dos directivos daquelas entidades que precisaban axudas públicas”.
“Foi unha decisión que se puido ter adoptado antes e se adoptou por parte do Goberno do PP en Madrid, o que conlevou que estas persoas que estaban xa á fronte de entidades intervidas visen como as súas retribucións se axustaran moito máis á realidade das entidades financeiras do que o estaban no pasado”, recordou.